A Roadshow Movistar Galicia, aula móvil para achegar internet ó rural

Roadshow Movistar Galicia, unha aula móbil que percorrerá durante os próximos 3 meses 34 municipios galegos e cuxo obxectivo é achegar as vantaxes e utilidades de internet á poboación rural foi presentada hoxe en Santiago. As accións céntranse nos municipios aos que o Plan de Banda Larga da Xunta e Movistar xa posibilitaron a conexión á rede.

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, destacou a importancia de informar «a pé de rúa» ao cidadán dos avances do Plan de Banda Larga na súa localidade e tamén de xerar demanda de uso «informando das vantaxes que internet lle pode proporcionar a cidadáns e empresas no día a día». Mar Pereira lembrou que o Plan está a cumprir obxectivos reducindo a fenda dixital en Galicia e proporcionando en menos de dous anos cobertura a máis de 400.000 galegos que carecían de conexión a Internet, o que supón diminuir nun 55% a poboación sen cobertura na Comunidade

O director de Administracións Públicas de Telefónica no Territorio Norte, Manuel Alonso, foi o encargado de desvelar os detalles desta iniciativa, e afirmou que este Roadshow é un «exemplo máis do compromiso de Telefónica para levar a Internet a toda Galicia, despregando infraestruturas modernas e eficientes, e agora mostrando tamén aos seus potenciais usuarios que o acceso a Rede pode facilitar moitas xestións cotiás da xente, mesmo das persoas maiores, que en principio poden ser máis remisas ás novas tecnoloxías,».

Tras a súa presentación, o autobús do Roadshow Movistar Galicia trasládase hoxe mesmo ao municipio coruñés de Cambre, onde inicia unha periplo que concluirá o próximo 13 de maio en Lalín e que coincidirá con algúns dos principais eventos e feiras locais de Galicia.

Achegar Internet á poboación

O Roadshow Movistar Galicia conta con 18 postos con ordenador nos que de xeito gratuíto se levarán a cabo diferentes demostracións para ensinar a todo o que queira achegarse a facer unha compra online, solicitar unha cita médica ou consultar todo tipo de información -prensa, música, ofertas de emprego, partes meteorolóxicos, trámites coa Administración a través da sede electrónica da Xunta etc. -. A aprendizaxe estará guiada en todo momento por persoal especializado de Telefónica.

A idea que preside a posta en marcha do Roadshow Telefónica Movistar é a de mostrar á poboación as utilidades de navegar pola rede, como acción complementaria a actuación doo Plan de Banda Larga de Xunta de Galicia adxudicada a Telefónica en setembro do pasado ano, e que dotará de acceso a Internet de aquí ao 2013 máis de 11.300 novos núcleos de poboación do rural galego. Deste plan beneficiaranse preto de 250.000 persoas, e Telefónica utiliza para o seu despregamento a moderna tecnoloxía 3 G-UMTS na banda de 900 MHz, con gran capacidade de propagación en zonas orográficamente complexas e capaz de alcanzar velocidades de ata 7 megas.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar