Novos servizos na plataforma web Espazo Abalar

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica veñen de actualizar e incorporar novas funcionalidades e servizos ao portal espazoAbalar, que comezará a funcionar ao longo de hoxe.

Cómpre sinalar que entre as finalidades da nova plataforma están as de incrementar a eficacia dos servizos educativos, desenvolver as TIC no ámbito do ensino e fomentar a participación e motivación do alumnado, loitando ao mesmo tempo contra o fracaso escolar, a través dun seguimento continuado por parte das familias dos resultados académicos e do comportamento do alumnado.

Novas guías e redes sociais

A terceira versión do espazoAbalar inclúe apartados dedicados ás familias, ao profesorado e aos centros por medio das novas guías elaboradas para cada un destes ámbitos. As guías de familias ofrecen novas funcionalidades que se engaden as que xa se viñan ofertando. Asemade os docentes poden aprender a navegar polas diferentes pantallas que compoñen o «espazo Profesorado» coa Guía para o profesorado. E, finalmente, elaborouse a Guía para Centros, coa finalidade de coñecer detalladamente as posibilidades e a información que se pode consultar desde o «espazo Centros».

Asemade, a nova plataforma incorpora novas canles 2.0, en servizos como Facebook, Twitter e Youtube, novos xeitos de seguir o Proxecto Abalar.

Maior seguimento do alumnado

Os pais, nais e titores legais dos escolares van a poder seguir realizando as accións que xa viñan facendo ata agora, a través do «espazo Familias». Con esta nova actualización, os responsables dos rapaces poderán realizar un seguimento máis exhaustivo da vida académica dos seus fillos.

Deste xeito, máis aló da obtención de noticias relativas á vida escolar dos seus fillos, os pais e nais poderán xustificar as faltas de asistencia e solicitar citas de titoría en liña, así como coñecer as incidencias máis relevantes e os avisos que afecten ao grupo de alumnos/-as ao que pertenzan a través de notificacións enviadas polos titores/-as dos mesmos. Asemade, o novo espazoAbalar tamén ofrece como novidade, a consulta do horario do alumnado, as faltas de conduta e as cualificacións de cursos académicos anteriores.

Experiencias e Blogs educativos

Outra das novidades do novo espazo son os apartados de experiencias e os blogs educativos temáticos. Desta forma, o apartado Experiencias Aulas 2.0, preséntase como un espazo onde a comunidade educativa pode compartir as experiencias TIC cos demais usuarios, poñendo en valor iniciativas levadas a cabo no seu centro sobre a introdución e o uso das TIC nas aulas.

Asimesmo, os Blogs Abalar están pensados como espazos de comunicación e interacción da comunidade educativa (familia, alumnado e docentes), un lugar onde compartir opinións, experiencias e boas prácticas de forma que se estableza un fluxo de información que enriqueza a práctica educativa.

As temáticas dos Blogs Abalar son moi variadas: Atención á Diversidade, Experiencias TIC e boas prácticas, Observatorio 2.0, uso das TIC en casa, tecnoloxía educativa en Abalar..; e na que se inclúen unha ferramenta para fomentar a participación dos seus seguidores a través do envío de comentarios ou «post» dos artigos publicados.

Recursos educativos

Finalmente, o repositorio de contidos educativos mellora nas súas posibilidades de busca, permitindo filtrar entre datas e tipo de recurso. Ademais, na pantalla principal, reflíctense os recursos máis accesibles, así como os máis descargados e recomendados.

Actualmente están catalogados preto de 800 recursos para educación primaria e secundaria, en varios idiomas: galego, castelán, inglés e francés.

Desde o comezo deste ano reiniciouse a tarefa de catalogación, co que nos vindeiros días engadiranse novos contidos, entre eles os premiados na Convocatoria para o desenvolvemento de contidos dixitais convocada pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación no ano 2011. Con esta nova aplicación a Consellería de Cultura e Educación continúa a demostrar o seu compromiso coa calidade educativa a través de diversas accións.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar