A UPG mantén o poder no BNG tras una Asamblea que afonda na división

Jorquera e Vázquez, ó remate da XIII Asamblea "nacional" do BNG

 A Unión do Povo Galego (UPG) retén o control orgánico e da liña política do BNG tras a XIII Asemblea Nacional, pero a división en dous da fronte nacionalista, que xa se fixera patente no conclave extraordinario de 2009, fíxose máis fonda, aínda que o risco de escisión parece momentaneamente contido.

   Ademais de impoñer por unha ampla maioría as súas teses políticas, a UPG conseguiu colocar a Francisco Jorquera como candidato á Presidencia da Xunta nas próximas eleccións autonómicas e a Guillerme Vázquez como voceiro nacional, un posto para o que foi reelixido. Inaugúrase desta forma unha etapa de bicefalia inédita na organización nacionalista.

   Non obstante, as diferenzas nas votacións respecto aos seus contrincantes da candidatura conxunta de Máis Galiza e Encontro Irmandiño foron axustadas, xa que lle sacou unha porcentaxe máxima de diferenza dun sete por cento no conclave que supuxo a volta ao sistema asambleario.

   Malia a diferenza mínima, o candidato á Presidencia da Xunta da candidatura conxunta, Carlos Aymerich, non ocultou que para el supón o fin dun período vital. «Creo que cumprín unha etapa e hai outra xente que ten que protagonizar a seguinte», manifestou tras coñecer os resultados ao respecto do seu futuro.

   Neste escenario que debuxou a asemblea nacional, o líder do Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras, foi prudente á hora de falar dunha saída do BNG protagonizada polo seu partido, lanzando unha oportunidade para recuperar a «confianza recíproca».

   Iso si, fíxoo advertindo de que «a metade» da militancia concorda coas teses defendidas pola súa alternativa e pedindo traballar «todo o posible para recuperar a igualdade e a diversidade» como requisitos.

RISCO DE RUPTURA

   Non en van, o risco de ruptura estivo latente en todo este proceso e foi respondido no seu discurso final polo reelixido voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, quen intentou conxurar as ameazas de escisión e proclamou que, desta asemblea, as filas nacionalistas saen «sen vencedores nin vencidos». «Todos cabemos no BNG», resaltou case 30 anos despois do conclave constituínte de Riazor.

   Fronte aos reproches pola hexemonía que exerce a UPG, Guillerme Vázquez asegurou que traballará «a favor do proxecto colectivo do BNG». «Teredes en min un compañeiro máis. Nin máis nin menos», afirmou, mentres subliñaba que a dirección nacionalista que sae desta XIII Asemblea Nacional «é plural, como plural é o Bloque».

   Pola súa banda, Francisco Jorquera, quen deixará a súa acta de deputado no Congreso cando se convoquen as eleccións autonómicas, chamou a un BNG «máis forte e máis útil para servir a toda Galicia» e apostou por un proxecto «firmemente ancorado» nos principios nacionalistas, «pero que tamén busca o concurso da maioría social».

   Ao seu xuízo, o BNG constituirá nas próximas eleccións autonómicas «a alternativa ao PP» e esta asemblea marcará «un punto de inflexión». «Tanta paixón por Galicia, quen poderá detela» proclamou parafraseando a ‘Os Diplomáticos de Monte Alto’.

   O conclave desta fin de semana tamén foi o da volta definitiva ao asamblearismo, despois de ensaiar un proceso por delegados en 2009, que non fixo senón agrandar as diferenzas dos sectores críticos co poder hexemónico. Os Irmandiños e o Movemento Galego ao Socialismo (MGS) do Rafael Vilar foron os adaís de que se retomase a participación directa da militancia.

   Precisamente, o MGS, escisión pola esquerda da UPG, foi a chave nesta asemblea para decantar a balanza das votacións a favor do partido de Francisco Rodríguez, que xa non estará na Executiva nacionalista.

   Neste órgano, os representantes de Alternativa pola Unidade contarán con sete membros, o mesmo número que a lista de Máis Galiza e o Encontro Irmandiño, por un do MGS. Ademais, cumprindo as expectativas lanzadas polo propio Rafael Vilar, o seu partido aumentou nun os seus representantes no Consello Nacional, pasando de dous a tres.

 

Imaxe do recinto de Amio, de Santiago, onde o BNG celebrou a sua XIII Asamblea

   No seu discurso de peche da XIII Asamblea, Vázquez chamou ao BNG a ser «un instrumento político útil para que Galicia avance», pero deixando claro «sen complexos» ante a cidadanía que esta formación ofrece unha alternativa «nacionalista de esquerdas». Fronte a esta opción situou á dereita «antidemocrática, antigalega, antisocial e reaccionaria» que personificou en Mariano Rajoy e en Alberto Núñez Feijóo.

    O Himno Galego puxo punto final a unha asemblea na que puideron escoitarse proclamas de «independencia» e «Galiza ceive, poder popular» e que supón a volta á primeira liña política dun Xosé Manuel Beiras, de 75 anos, ovacionado por mozos da súa candidatura, mentres Carlos Aymerich abre a porta un repregamento á militancia de base.

Nas horas anteriores, o documento político impulsado pola UPG a través de Alternativa pola Unidade (APU) contou con 1.997 votos a favor e 990 en contra, o que supón o 66,8 por cento da asemblea, na que xa hai uns 3.300 inscritos.

Deste xeito, tras incorporar algunhas emendas que prosperaron dende as comisións, o texto que serviu de documento base contou cunha ampla maioría da asemblea na que supón a terceira votación do plenario desta asemblea.

Á marxe da votación do regulamento para esta asemblea, o informe de xestión tamén contou cun respaldo de dous terzos da asemblea, de forma que a UPG se impuxo á postura defendida pola alianza de Máis Galiza e Encontro Irmandiño.

DOCUMENTO


O documento que prosperou consolida estatutariamente a coñecida como bicefalia, é dicir, que a portavocía nacional e o candidato á Presidencia da Xunta «deben ser ocupadas por persoas distintas, sendo a mellor forma de preservar o funcionamento orgánico do BNG sen que se vexa afectado pola dinámica e acción institucional e electoral».

Ademais, unha das principais novidades é a elección do aspirante á Xunta nas bisbarras e con votación en urna, en lugar de en asemblea nacional, de forma que as teses políticas consideran que «non hai razón para diferenciar e separar o proceso que se segue para o seu nomeamento dos outros candidatos ao Parlamento galego».

Así mesmo, establece que os partidos e correntes integradas no BNG informen «anualmente» da súa actividade orgánica ao consello Nacional, que tamén velará para evitar «comportamentos desleais ou contrarios» á unidade da formación frentista.

No documento que servirá de base para a acción política nos próximos anos fala da necesidade de «superación do modelo autonómico». «Un contexto en que é máis evidente que nunca que o modelo autonómico é inadecuado para os intereses de Galicia», engade noutro parágrafo do mesmo epígrafe.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar