Aumentan un 3,4 por cen os transplantes

Nos hospitais do Servizo Galego de Saúde realizáronse o ano pasado 18 transplantes de corazón, 36 de pulmón, 80 de fígado, 146 de ril (deles, 24 foron de doante vivo) e 11 de páncreas, o que fai un total de 291. Isto supón un aumento dun 3,4% respecto do 2010, no que se fixeran 281. Así o explicou hoxe a xerente do Servizo Galego de Saúde, Nieves Domínguez González, acompañada polo director da Oficina de Coordinación de Transplantes (OCT), Jacinto Sánchez Ibáñez.

TRANSPLANTES DE ÓRGANOS 2011

Neste sentido, Domínguez destacou o esforzo conxunto da sociedade e dos profesionais dos hospitais galegos, xa que, dixo, eles son os que posibilitan que as cifras de transplante se manteñan en Galicia. Así mesmo, engadiu que a Xunta mantén o seu apoio e compromiso de traballo para que os transplantes de órganos continúen sendo unha realidade na Comunidade Autónoma.

Así, dende que se realizou o primeiro transplante, no ano 1981, ata o 31 de decembro de 2011 leváronse a cabo en Galicia un total de 5.756 transplantes de órganos. Así mesmo, o número de persoas que agardan para recibir un transplante reduciuse un 5,8% entre 2010 e 2011, e era a 31 de decembro do ano 2011 de 417.

TRANSPLANTES DE ÓRGANOS 1981-2011

A xerente do Sergas afirmou que os obxectivos da Oficina de Coordinación de Transplantes para 2012 no eido das doazóns e transplantes son incrementar e consolidar a taxa de doadores; aumentar o número de transplante de ril procedente de doador vivo; continuar co programa divulgativo no ámbito educativo; continuar coa formación do persoal sanitario sobre o proceso da doazón e do transplante; e manter unha presenza constante na sociedade.

Perfil dos doadores

O número de doadores de órganos cadáver en 2011 foi de 87 (43 na provincia da Coruña, 12 na de Lugo, 2 na de Ourense e 30 na de Pontevedra). En termos relativos, a taxa sitúase en 31,2 doadores por millón (pmp), unha taxa moi superior á media da Unión Europea, que en 2010 era de 18,1 donantes pmp.

Domínguez indicou que hai que ter en conta, así mesmo, a redución de mortes ocorridas nas UCIs do hospitais, que entre 2006 e 2010 diminuíu nun 16%, pasando neste período de 1.698 a 1.429. Neste sentido, as causas de morte dos doadores reflicten a constante diminución dos accidentes de tráfico, xa que no ano 2011 foi de un 5,7%, cando no ano 2000 fora preto dun 20%.

Os principais motivos de morte foron os accidentes cerebro vasculares (un 71,2% do total), seguidos polos traumatismos cranio encefálicos que non foron consecuencia dun accidente de tráfico.

No que atinxe á súa idade media, esta segue a aumentar e foi en 2011 de 60,5 anos. Segundo indicou Nieves Domínguez, máis do 70% tiñan máis de 50 anos e un 23% tiñan máis de 75, reflexo do perfil da sociedade galega. No que atinxe ao resto dos grupos de idade, o pasado ano o 4,6% dos doadores eran menores de 30 anos; o 24,1% se situaban na franxa de entre 30 e 50 anos; o 27,6% tiñan entre 50 e 65 anos; o 20,7% estaban entre as idades de 65 e 75.

Neste sentido, a xerente fixo un recoñecemento público aos doadores e ás súas familias, dos que resaltou que nun momento difícil teñen a valentía, a fortaleza e a xenerosidade de pensar nos demais, máis alá da súa dor, e fan posible que outras persoas e a propia sociedade obteñan un importante beneficio.

Campañas divulgativas

Segundo explicou, durante o ano 2011 se recibiron na Oficina de Coordinación de Transplantes 4.747 novos carnés, o que fai xa un total de preto de 83.000 carnés de doadores.

Neste sentido, a xerente do Sergas e o director da Oficina de Coordinación de Transplantes explicaron as campañas divulgativas que o Servizo Galego de Saúde está a desenvolver no eido da doazón. Así, realizáronse conferencias dirixidas ao alumnado galego coa fin de fomentar a doazón, e en total leváronse a cabo 95 charlas en 82 centros de 51 concellos diferentes, ás que asistiron 5.300 rapaces.

Tamén se impartiron 13 cursos sobre o proceso de doazón e transplantes –aos que asistiron 446 persoas- e dous seminarios de comunicación de malas noticias no proceso da doazón, que contaron con 42 participantes.

Ademais, a Oficina de Coordinación de Transplantes do Servizo Galego de Saúde convocou para o curso escolar 2010-2011 un concurso de curtametraxes relacionado coa doazón e os transplantes dirixido a alumnos de Bacharelato e ciclos formativos de grao medio. Participaron un total de 113 estudantes e 14 profesores de 12 centros distintos, que presentaron un total de 30 curtametraxes.

Por último, Nieves Domínguez explicou que en Galicia, durante 2011, as negativas familiares situáronse nun 28,7%, unha porcentaxe similar ao ano anterior. A xerente lembrou que o Servizo Galego de Saúde realizou un estudio en colaboración coa Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago sobre a análise destas negativas, que reflicte a importancia da educación e da labor divulgativa na concienciación para a diminución de negativas familiares.

Segundo este estudo, as principais razóns esgrimidas para non doar están relacionados co tratamento do cadáver (desfiguración, abandono do falecido ou tardanza en recuperar o corpo), o tráfico de órganos, o que pensarán outros familiares ou veciños, ou motivos vinculados coa relixión, entre outros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar