19 millóns de € para mellora de viais en tódolos concellos galegos

A Consellería do Medio Rural e do Mar destina 19 millóns de euros a obras para a mellora de viais en zonas rurais de tódolos concellos galegos, no marco do novo Plan Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM).

O departamento que dirixe Rosa Quintana, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, comunicoulles por carta certificada a todos os concellos de Galicia o inicio deste novo Plan, así como os investimentos que lles foron asignados a cada un deles. Así mesmo, solicitóuselles que priorizasen as actuacións a desenvolver.

As actuacións incluídas neste plan consisten na dotación, conservación e mellora de viais municipais que constitúen servizos básicos elementais para a poboación rural, co fin de mellorar a calidade de vida.

Dotación

Para o PEIM do ano 2010, a executar nos anos 2011 e 2012, o orzamento total previsto é de 28,5 millóns de euros, dos cales 9,5 millóns son financiados pola Consellería do Medio Rural e do Mar e 19 millóns polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño. Debido ás necesidades existentes no marco da mellora en infraestruturas viarias nos concellos, a Xunta de Galicia decidiu orzamentar e facer as obras correspondentes a eses 9,5 millóns durante o ano 2011. Polo tanto, o investimento pendente de executar neste ano correspóndese aos 19 millóns de euros procedentes do MARM.

Antecedentes

No ano 2008 a Xunta xa xestionara un Plan para desenvolver nos anos 2009-2010, cunha dotación orzamentaria total de 55,5 millóns de euros. Este orzamento estaba distribuído en 27 millóns para o ano 2009 e 28,5 para o 2010. O capital, empregado para a realización de investimentos en servizos básicos para a poboación rural, financiouse en colaboración co MARM, asumindo este as dúas terceiras partes e a Xunta de Galicia o terzo restante.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar