A Xunta crea a Axencia de Infraestructuras dentro das medidas de austeridade

 O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, informou que con caracter inmediato comezará a andar a Axencia Galega de Infraestruturas, “a primeira axencia na nosa historia –dixo-, que tenta agrupar todas as infraestruturas viarias que se fan na comunidade autónoma”. Na rolda de prensa posterior ao Consello do Goberno galego, Feijóo salientou que esta nova axencia suporá “máis unidade, ao eliminar a tricotomía funcional existente ata o de agora; máis austeridade, xa que supón un aforro de 1,5 millóns de euros; e máis eficiencia, xa que o contrato de xestión que hoxe autorizamos, establece 29 indicadores para avaliar resultados”, explicou.

“Polo tanto, hoxe damos o visto bo ao inicio da Axencia Galega de Infraestruturas e asinamos un contrato coa Axencia de Infraestruturas onde a Xunta de Galicia lle transfire 651 millóns de euros que é o presuposto para as infraestruturas que a Axencia vai xestionar durante o ano 2012”, asegurou o presidente galego sinalando que, este novo organismo estará dirixido por Ethel Vázquez, ata agora directora xeral de Infraestruturas, que asumirá “todos os compromisos que anteriormente estaban repartidos na SPI, en ACEOUSA e na Dirección Xeral de Infraestruturas”.

Segundo avanzou o mandatario autonómico na rolda de prensa, a Axencia Galega de Infraestruturas comprométese, ademais, “a unha serie de fitos”, como a realizar auditorías en materia de seguridade viaria con medios propios; a actuar en treitos de concentración de accidentes de forma prioritaria para reducir a perigosidade da rede autonómica de estradas; e a “unha cousa que por primeira vez os xestores se comprometen, que é a reducir as desviacións orzamentarias como consecuencia dos reformados e dos modificados dos contratos de obra”. “Polo tanto –apostilou Feijóo-, hai un indicador de calidade onde, por primeira vez, dentro do sector público os enxeñeiros e o demais persoal que traballa no ámbito das infraestruturas van medir as porcentaxes de modificados e de reformados dos contratos de obra e, en consecuencia, vanse clarificar e transparentar estas desviacións que custan moitísimo diñeiro ao erario público”, incidiu.

Compromiso por facer unha administracións máis pequena e menos custosa
O presidente da Xunta enmarcou a creación da Axencia Galega de Infraestruturas no compromiso do Executivo autonómico por facer unha administración máis pequena, menos custosa e menos burocrática. Así, sinalou, prevese que o gasto de persoal, no que se refire aos funcionarios que levan o tema de infraestruturas, diminúa un 2%.

A este respecto, Feijóo lembrou que a Xunta xa leva eliminados ou refundidos máis de 60 entidades e que optimizou a estrutura de moitos outros organismos, unificando os departamentos de infraestruturas hidráulicas, de urbanismo e protección da paisaxe, os departamentos de turismo, os departamentos tecnolóxicos da Xunta e hoxe, afirmou, “culminamos a unificación dos departamentos de infraestruturas”.

Unha única Xestur para unha maior coordinación e un menor custo 
Na mesma liña, o presidente da Xunta anunciou tamén a fusión de Xestur A Coruña, Xestur Lugo, Xestur Ourense e Xestur Pontevedra nunha única empresa pública, Xestur Galicia, o que suporá, segundo sinalou, “unha maior coordinación, menor custo e maior estabilidade financeira”.

Núñez Feijóo lembrou, na súa intervención tras a reunión semanal do Consello da Xunta, a “delicadísima” situación na que o Goberno galego atopou estas empresas públicas. “Actuamos e logramos estabilizar a situación das xestures a curto prazo. Hoxe damos un paso máis”, recalcou.

O titular da Xunta asegurou que o proceso administrativo e mercantil que se inicia coa fusión das catro empresas públicas “non ten marcha atrás”, e salientou que con esta decisión se crea un modelo máis coordinado: “Temos un plan sectorial do solo, un único plan sectorial para toda Galicia. Agora haberá un único organismo que xestione este plan”.

Feijóo remarcou a austeridade desta nova estrutura coa que se pasará de catro a un xerente e se diminuirá un 75% o número de membros do consello de administración ao pasar de 40 a 10. “Facemos un modelo máis viable, un modelo máis económico que permite nunha lexislatura completa un aforro de 4 millóns de euros para poñelos a disposición de facer máis solo industrial na Comunidade Autónoma”, explicou.

“En definitiva, Galicia contará cun único referente no que se refire á xestión do solo industrial. Ese único referente será Xestur Galicia que actuará de xeito coordinado de tal forma que haxa unha única política de solo en Galicia”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar