«Teletraducción» para a mellora da asistencia ás víctimas da violencia

O alcalde de Santiago, Conde Roa, e a secretaria xeral de Igualdade, López Abella, asinan o convenio

O Centro de Información á Muller de Santiago incorpora a partires de hoxe un servizo de «teletraducción» para mellorar a atención ás mulleres e vítimas de violencia de xénero inmigrantes, que ofrece sen custe a Secretaría Xeral da Igualdade, e facilitará a comunicación en 51 idiomas.

O servizo entra en funcionamento ao abeiro do convenio de colaboración entre Igualdade e o Concello de Santiago, asinado esta mañá pola titular de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, e o alcalde, Gerardo Conde Roa, nun acto celebrado nas instalacións do CIM no que unha usuaria, de orixe romanesa, tivo a oportunidade de participar nunha demostración das aplicacións do sistema.

A Secretaría da Igualdade decidíu facer extensiva esta modalidade de traducción á rede de CIMs de Galicia despois de acreditar a súa utilidade no Teléfono de Información á Muller durante un ano. Amais dos CIMs, Igualdade tamén ofrece este sistema ás casas de acollida que asisten ás vítimas de violencia de xénero e ás entidades e ONGs que desenvolven a súa actividade solidaria neste eido, ás que se comunicou o pasado mes de setembro a posibilidade de adherirse sen custe algún.

En resposta a este ofrecemento da Administración autonómica, un total de 45 CIMs das catro provincias manifestaron ata o de agora o seu interese en adherirse ao sistema, que sigue aberto para os que no futuro desexen incorporarse. En Santiago, está operativo asemade en Cáritas e Médicos do Mundo.

Unha comunicación verbal eficaz, determinante nos casos de violencia de xénero
As novas características poboacionais derivadas da inmigración motivaron á Administración autonómica a mellorar as técnicas para unha eficaz atención ás usuarias, con independencia da súa lingua. A teletradución está pensada para dar apoio a unha parte da poboación que ten dificultades engadidas para acceder aos recursos existentes, formada polas mulleres inmigrantes residentes en Galicia, e ten entre as principais vantaxes reducir o estrés producido pola barreira idiomática e facilitar unha comunicación verbal máis eficaz, que resulta determinante nos casos de consulta por violencia de xénero.

A través da plataforma de teletradución, estas mulleres terán a seguridade dun acceso axeitado á información e aos recursos dispoñibles, sobre atención psicolóxica, prestacións económicas, centros de acollida ou asesoramento xurídico. O sistema permite ás usuarias comunicarse telefónicamente cunha intérprete, desde calquera centro no que se atopen, ben sexa un CIM, unha casa de acollida ou calquera entidade adherida; así como o establecemento de chamada a tres, para que interactúen a usuaria, a persoa profesional da entidade e a intérprete.

Durante o seu primeiro ano de funcionamento no Teléfono de Información á Muller de Galicia os idiomas máis demandados foron o romanés, o chinés e o árabe.

Segundo datos do IGE, correspondentes a 2010, en Galicia había 109.670 persoas estranxeiras, 54.447 mulleres e 55.223 hombres.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar