Feijóo chama á Universidade galega a manter a cooperación

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, chamou, esta mañá, no acto de investidura de Xosé Luis Armesto como Reitor Magnífico da Universidade da Coruña,  a que a Universidade galega manteña a sua colaboración interna, o que fixo posible cumprir en 2011 as previsións do Plan de Financiamento.

 

Logo de salientar que o Goberno galego ten a Universidade entre as súas prioridades, como demostra a posta en marcha do Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego, Feijóo lembrou que no ano 2011 foron executadas as súas previsións, “despois –precisou- dun laborioso traballo que conseguiu achegar posicións que semellaban absolutamente afastadas”. “Aprobáronse –engadiu- os primeiros contratos-programa e o decálogo de medidas racionalizadoras. Temos vinte e sete indicadores aos que van estar vencellados unha parte dos fondos que percibirá cada Universidade, e plans que garanten a estabilidade orzamentaria”.

 COLABORACIÓN

Feijóo afirmou que a colaboración nos campus de excelencia internacional e a organización de posgraos interuniversitarios, son pasos necesarios pero insuficientes na colaboración das tres institucións, e salientou que “estamos no camiño de plasmar en resultados prácticos a idea de que as tres universidades poden e deben compartir obxectivos comúns, porque é tamén común a sociedade que as sustenta”. Neste sentido, amosou o seu convencemento de que a nova Lei de Universidades servirá de impulso decisivo a esa cooperación.

O titular da Xunta recalcou que a misión dun Goberno non é outra que ensamblar os intereses particulares para obter un interese común, e solicitou da Universidade da Coruña en particular, e da Universidade galega en xeral, que manteña a súa colaboración “para acadar ese ben común que a todos nos favorece”. “Faino xa co seu traballo docente e investigador. Faino xa con esa interrelación coa sociedade cada vez máis estreita. Faino tamén sabendo temperar as súas esixencias aos poderes públicos”.

 Se a verdade é o primeiro mandamento dun gobernante responsable, para Feijóo o segundo é unir os lazos que manteñen unido ao seu pobo, e afirmou que “o noso país ve na súa Universidade o exemplo do poder que ten a vontade humana para superar os maiores problemas”.

 «MATRICES DE GALICIA»

O presidente do Executivo galego cualificou a Universidade como unha das matrices de Galicia. “Nela empeza a concibirse un pobo. Nela xermola a súa cultura. Dela saen xeracións dispostas a construír unha comunidade. Na Universidade galega, en fin, o pasado e o futuro danse a man, para ofrecer un exemplo de comunidade e de continuidade histórica. Unha continuidade que non se pode interromper, que non se vai interromper, malia esa nova negra sombra que a crise económica estende sobre nós”.

Loitar contra a crise require, segundo o presidente autonómico, un dobre compromiso: “Por parte da administración pública, situar a Universidade entre as axustadas prioridades da súa axenda. Por parte da institución universitaria, aplicar a mesma racionalización de recursos, a mesma austeridade e o mesmo esforzo mancomunado que se lle está pedindo ao resto do corpo social. A sociedade galega ve en vos unha esperanza para o porvir, e un exemplo a seguir. Nin a esperanza nin o exemplo poden ser defraudados”.

Por último, Feijóo recoñeceu a José María Barja “o tempo e o esforzo” que marcou a súa xestión como reitor; e agradecerlle “a lealdade e o traballo” a prol do sistema universitario galego.

Así mesmo, desexoulle a Xosé Luis Armesto todos os éxitos e ofreceulle “toda a colaboración na etapa que hoxe continúa”. “Agradezo –engadiu- o seu compromiso dobre que asumiu na súa toma de posesión: seguir o camiño de facer eficiente e sostible a universidade pública da Coruña e apostar por un sistema universitario galego único, é dicir, cohesionado e coordinado”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar