Amplíanse en 300.000 euros as axudas contra a violencia de xénero

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha ampliación de 300.000 euros da dotación presupostaria para a liña de axudas mensuais da Secretaría Xeral da Igualdade, dirixida a vítimas de violencia de xénero. A partida ampliada engádese aos 970.000 euros cos que estaba dotada a convocatoria deste ano e aos 630.000 euros incluidos tamén nos orzamentos deste exercicio para completar os pagos de solicitudes resoltas o pasado ano, cuxo cómputo de doce mensualidades remata este. No seu conxunto, o total de axudas económicas directas ás vítimas de violencia de xénero en 2011 suma 2.250.000 euros, entre as dúas liñas establecidas, de pagos mensuais -1.900.000 euros- e de pagos únicos -350.000 euros-.

Igualdade solicitou esta ampliación ante a insuficiencia do presuposto inicial para atender o volume de solicitudes presentadas en 2011. Ata o de agora, no que vai de ano foron resoltas favorablemente as solicitudes de 158 mulleres, delas 68 da provincia de Pontevedra, 48 da Coruña, 23 de Ourense e 19 de Lugo. A Secretaría Xeral da Igualdade calcula que a partida da ampliación vai permitir resolver favorablemente outras 90 solicitudes.

Trátase dunha liña de axudas que ten como obxectivo proporcionar apoio económico para garantir ás vítimas unhas condicións suficientes de independencia respecto do agresor para dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo. Esta modalidade de axudas ten unha duración máxima dun ano, que as receptoras perciben en pagos distribuídos en mensualidades, cuns importes que poden oscilar entre os 300 e os 800 euros.

Axudas de pagamento único
A publicada hoxe é a segunda ampliación orzamentaria decidida por Igualdade este ano para incrementar as axudas económicas directas ás vítimas. Hai un mes,  acordouse unha ampliación de 175.000 euros para a liña de axudas de pagamento único para vítimas de violencia de xénero, coa que se completou un orzamento total de 350.000 euros no presente exercicio.

A diferencia das axudas mensuais, esta liña supón un pagamento único dunha contía media de 7.000 euros, para vítimas que acrediten insuficiencia de recursos e unhas especiais dificultades para obter un emprego e carezan de rendas que, en cómputo mensual, superen o 75% do salario mínimo interprofesional. Ata o de agora, no que vai de ano foron resoltas favorablemente as solicitudes de 48 mulleres, delas 24 da provincia de Pontevedra, 13 da Coruña, 6 de Lugo e 5 de Ourense.

Os orzamentos contra a violencia de xénero medran un 1,12% en 2012
Esta ampliación contextualízase no compromiso do Goberno galego coas políticas de igualdade e, nomeadamente, coas liñas de prevención e erradicación da violencia de xénero, que van experimentar en 2012 unha suba do 1,12%.

Tamén crecerá un 2,57% a partida destinada ao financiamento de centros e recursos para atención e asistencia integral ás vítimas de violencia e aumentará un 2,12% a partida destinada aos concellos para accións de prevención e información neste ámbito.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar