4,8 millóns de euros para a innovación en pemes

A Xunta incrementará un 37%, ata os 4,8 millóns de euros, os fondos do programa Innoempresa, destinado a fomentar a innovación nas pequenas e medianas empresas (pemes), segundo avanzou este xoves o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra.

No que vai de lexislatura, este programa apoiou as iniciativas de 3.000 empresas, o que induciu unha inversión de 40 millóns de euros –para a que a Xunta achegou 15 millóns–, indicou o conselleiro, que afirmou que continuarán na mesma liña, co fin de lograr o «cambio cultural» nas empresas galegas.Ademais, Guerra apostou por que a Xunta saia das empresas pertencentes a sectores xa maduros nas que ten participación, no momento no que caduquen os acordos con cada unha das sociedades, co fin de recuperar eses fondos e reservalos para programas de innovación.

O Goberno galego ten participación nunhas 90 empresas de sectores desenvolvidos, cunha inversión «ciento e pico» millóns de euros, apuntou o director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Javier Aguilera. Guerra indicou que a Xunta xa está a solicitar a súa saída destas sociedades, en sectores como o téxtil, a alimentación ou o transporte, cando se cumpren os compromisos adquiridos.

O titular de Economía e Industria destacou que dende hai dous anos a Xunta non entra en empresas de sectores consolidados e considerou que estas participacións «prexudican a competencia». Por iso, defendeu que a intención é apoiar empresas en sectores «máis puxantes».

«HAI CONDICIÓNS PARA CREAR EMPRESAS»

O conselleiro indicou que este ano se acolleron ao programa Innoempresa máis de 1.300 empresas, con 12.000 traballadores, o que demostra o interese das pymes pola innovación. A iniciativa, dirixida a empresas dun ou máis empregados e a asociacións empresariais e clusters, distingue tres vías: para diagnóstico da capacidade innovadora, para desenvolvemento de novos produtos e para proxectos de colaboración entre sociedades.

Sobre os datos que apuntan a un descenso da iniciativa emprendedora e das empresas innovadoras en Galicia, Guerra manifestou que é necesario un cambio na cultura empresarial galega e que a innovación sexa entendida como inversión e non como gasto. «O que non falla é o compromiso político», dixo e agregou que «hai condicións de apoio público para crear empresas».

Ademais, insistiu en que Galicia é unha das comunidades nas que se crean máis empresas e recordou que hai dispoñibles máis de 23 millóns de euros en fondos de capital risco para proxectos innovadores e tecnolóxicos. Este fondo é «único en España» e a Xunta busca colaboración privada para esta iniciativa, agregou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar