O Nadal tamén chega ao Gaiás


Durante o mes de decembro porase en marcha o proxecto «Visitas máxicas ao Museo de Galicia».

Coincidindo coa apertura ao público do novo Museo de Galicia, a Cidade da Cultura ampliará durante o mes de decembro de cara ás vacacións de nadal, a súa oferta para dar a coñecer as instalacións sitas no monte Gaiás a través de distintos ciclos de visitas guiadas. Así, no mes entrante o Museo de Galicia porá en marcha un programa especial: ‘Visitas Máxicas ao Museo’, dirixido a un público familiar.

A través desta visita especial, ilusionistas e magos descubriranlle ao público os segredos que se agochan no Museo de Galicia, transformando o percorrido nunha viaxe de aventuras a un edificio abraiante.

Cunha duración aproximada de 50 minutos, esta actividade levarase a cabo en dúas quendas, ás 12 e ás 18 e en grupos que non superarán as 30 persoas. Por elo, e aínda que a visita ten carácter gratuíto, a Fundación recomenda reservar praza con antelación, a partires do día 12.

Para coñecer o Museo de Galicia dende unha perspectiva máis técnica e próxima á filosofía do seu creador, a organización recoméndalle ao público apuntarse a unha das visitas estandar que cada día (excepto os luns) se desenvolven neste esceario. Cunha duración aproximada de 90 minutos e 20 persoas por quenda, a Cidade da Cultura «convida a todos a gozar da beleza arquitectónica dun edificio chamado a converterse nun referente do século XXI». Así, a espectacularidade da súa fachada acristalada, de 43 metros de altura e os seus máis de 16.000 m2 de superficie fan deste edificio deseñado por Peter Eisenman, e segundo explican dende a Fundación Gaiás, «un dos máis senlleiros e con máis posibilidades de uso do complexo construído no Gaiás».

Paralelamente, manteranse activas as visitas que percorren o interior da Biblioteca e o Arquivo de Galicia, ademáis dos exteriores da Cidade da Cultura, cunha parada especial nas Torres Hejduk e a súa praza central.

Para completar a oferta, o público poderá sumarse a un percorrido polas exposicións temporais que agora mesmo albergan as salas da Cidade da Cultura e que buscan facer accesible o seu contido a todos os visitantes.

Máis información sobre horarios e alternativas no portal web www.cidadedacultura.org.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar