«PescadeRías»: Campaña de fomento do consumo de peixe e marisco galego

A Consellería do Mar promocionará a marca «PescadeRías» nos supermercados pertencentes aos grupos Gadisa, Vegalsa e Froiz. A conselleira, Rosa Quintana, presentou hoxe esta campaña, que comezarán o 1 de decembro, e que se desenvolverá nos 488 establecementos que os tres grupos de alimentación posúen en Galicia. Fíxoo acompañada dos representantes dos tres grupos, por parte de Gadisa, Darío Rodríguez; por parte de Froiz, Manuel Arís; e por parte de Vegalsa Javier González. A iniciativa consistirá na venda de diferentes produtos, como berberecho, ameixas, navalla ou vieira, etiquetados con este selo nos establecementos dos tres grupos de alimentación.

O obxectivo da campaña é promover e impulsar o peixe e o marisco galego, acadar a súa diferenciación e incrementar a súa competitividade. A Xunta busca ademais mellorar os procesos de comercialización dos produtos pesqueiros, fomentando un comercio responsable que garanta a calidade, trazabilidade e a identificación dos produtos.

O selo Pescaderías é unha marca de calidade creada e rexistrada pola Xunta que acredita que os produtos da pesca e do marisqueo están convenientemente identificados, teñen un alto nivel de frescura e se comercializan por empresas situadas en Galicia, que cumpren determinados requisitos de calidade, ademais dos esixidos pola lexislación no ámbito da seguridade alimentaria e do respecto do medio ambiente.

Para impulsar a imaxe da marca, a Consellería distribuirá 30.000 folletos co receitas de produtos do mar, 1.150 carteis co lema Sabes en quen podes confiar e 500 pinchos de xeo, para indicar o prezo dos produtos de PescadeRías nos supermercados de Gadisa, Vegalsa e Froiz. Está previsto que a propia conselleira visite algún establecemento das tres firmas para coñecer de primeira man a evolución da campaña.

A conselleira subliñou que accións coma esta «son necesarias para dar aos produtos da pesca e o marisqueo de Galicia o posicionamento que se merecen». Engadiu que «os esforzos para difundir esta marca reflíctense nos datos de vendas de produto certificado», xa que esta cifra incrementouse significativamente, pasando de 600 toneladas certificadas no primeiro semestre do ano 2009 a máis de 1.500 toneladas no mesmo período de 2011.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar