Unha decisión xudicial extingue os 140 postos de traballo de Clesa


O titular do Xulgado do Mercantil
número 6 de Madrid acordou a extinción dos contratos de
traballo para 140 empregados (sobre un total de 150) da planta de
Clesa en Caldas de Reis (Pontevedra) coas mesmas condicións
indemnizatorias que as dos centros de Madrid, Leganés e Lerma.

Así o indicou o maxistrado Francisco Javier Vaquer, nun
auto no que explica que a
actividade que desenvolvía Clesa é «antieconómica dende hai anos,
cunha importante e continuada deterioración da súa situación
patrimonial, e xeradora de perdas importantes ata levar á
empresa láctea a unha situación de liquidación por perdas.
Unha situación que, explica, fai «inviable a continuación da
actividade empresarial segundo o modelo comercial ata agora
desenvolvido», o que desembocou no concurso de acredores e
no peche dos centros de Clesa-Madrid, Clesa-Leganés e
Clesa-Lerma, co cesamento da actividade tanto dos empregados
directos como das delegacións comerciais.
Por iso, detalla que resulta de «carácter antieconómico e
prexudicial para a masa a continuación das relacións
laborais, así como o mantemento da actividade industrial».
O maxistrado indica que, aínda sendo certa a existencia de
interesados na adquisición da unidade produtiva en Caldas,
tamén o é que estas «non» pasaron das meras
intencións, dos meros contactos iniciais informativos e da
mera conxectura, sen que estas se concretasen en reais
manifestacións de adquisición e acompañadas de reais e serias
ofertas solventes para a súa efectiva execución».
Subliña Vaquer no seu auto que, debido a iso, «non» pode nin debe
estarse á espera de que quen di estar interesado en comprar
decida se o fai ou non, así como estar á espera de de coñecer a
solvencia económica e financeira de quen di querer comprar».
O auto inclúe unha relación dos 140 traballadores afectados, a
os que se lles estenden as mesmas condicións outorgadas aos
empregados de Madrid, Leganés (Madrid) e Lerma (Burgos), que implica
unha indemnización de 20 días de salario por ano traballado cun
máximo de 12 mensualidades, ademais dunha compensación
complementaria de 1.300 euros para cada traballador.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar