O Grupo Calvo: Premio Familia Empresaria de Galicia

De esquerda a dereita, Luciano Calvo, Mané Calvo e José Luis Calvo en foto de arquivo

 

O Club Financeiro de Vigo acolle o acto que organiza a Asociación Galega da Empresa Familiar.

A conservera Grupo Calvo recibe hoxe, 23 de novembro, o VI Premio Familia Empresaria de Galicia, durante unha xornada organizada pola Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF). O presidente da empresa, José Luis Calvo Pumpido, recollerá o galardón que recoñece a traxectoria da firma, fiel ás súas orixes, ao longo dos seus máis de 70 anos de vida e motor económico da comunidade galega.

A xornada celebrarase no Círculo de Empresarios de Vigo, inaugurada por Emilio Pérez Nieto, presidente da AGEF, por Sonsoles Piñar, directora de Relacións Empresariais do Instituto da Empresa Familiar (IEF), por  Mª Luisa Sauras Morellón, directora Terrirtorial Norte de Banesto e contará con Ana Palacio, ex Ministra de Asuntos Exteriores, como protagonista invitada. Esta experta en economía, relacións internacionais e xeopolítica, participará nun coloquio onde compartirá a súa visión do novo escenario político e económico mundial, consecuencia da crise, reflexionando sobre como esta realidade repercute na economía do noso país e, especificamente, na competitividade das empresas familiares, fortemente afectadas polas dificultades de acceso a crédito e pola caída da demanda interna que os obriga a afrontar ou acelerar os seus procesos de internacionalización nun ámbito de grande incerteza.

Tradición de empresa familiar

Segundo Margarita Hermo, directora da Asociación Galega da Empresa Familiar «o exemplo de Calvo demostra que as empresas familiares teñen un enorme potencial para líderar sectores estratéxicos e competir nunha economía globalizada». Con máis de 3.100 persoas en equipo e unha facturación de preto de 500 millóns de euros no último exercicio, Calvo sitúase como a primeira conservera española e a quinta a nivel mundial.

Moitos factores foron clave para que o Grupo Calvo se convertese nunha das empresas familiares de alimentación máis grandes e importantes a nivel mundial que conta coa máis moderna tecnoloxía.

Ademais, a orixe e a tradición galega, sempre unida ao Grupo Calvo, e a situación costeira na bisbarra de Bergantiños, deron paso a introducir o atún claro no negocio da compañía, o que supuxo o punto de inflexión que marcou a deriva do negocio.

Os inicios do Grupo Calvo, fundado en 1940 pola familia Calvo, foron ben distintos ao que é hoxe a compañía, pois nun principio Luis Calvo apostou por unha conservera cárnica. Non obstante, despois dun tempo, o negocio derivou a fabricación de conservas de peixe. Actualmente, é a empresa conservera líder en vendas en España cunha cota de mercado do 14% en atún claro en aceite vexetal e un 8,4% en mexillóns.

É líder tamén en Brasil, onde mantén unha cota do 46% en atún e un 39% en sardiña. En Italia é a segunda compañía do sector por facturación baixo a marca Nostromo, cunha cota de mercado do 9,3%. Calvo emprega a preto de 3.100 persoas nos seus 10 buques e 4 fábricas (Carballo e Esteiro en Galicia, El Salvador e Brasil). Ademais da familia Calvo (que posúe un 77,8% das accións), o Grupo conta entre os seus accionistas con Novacaixagalicia, Caixa Castela-A Mancha e Caixa Burgos.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar