Dous ciclos formativos e un obradoiro sobre o bullying

As dúas accións formativas, que se denominan ‘Convivindo’ e ‘En Convivencia’ estarán dirixidas a mozos e mozas que estean cursando terceiro curso da  ESO.

A Consellería de Traballo e Benestar porá en marcha nas próximas semanas dous ciclos formativos e un obradoiro sobre resolución de conflitos entre menores que estarán centrados no acoso escolar (bullying) e nos perigos das redes sociais (ciberbulling). As dúas accións formativas, que se denominan ‘Convivindo’ e ‘En Convivencia’ estarán dirixidas a mozos e mozas que estean cursando terceiro curso da ESO. En concreto, poderán participar 2.200 rapaces de 44 institutos de Galicia. ‘Convivindo’ constará de 6 sesións e ‘En Convivencia’ dun total de 3.

O obradoiro, pola súa banda, está destinado a mozos e mozas de segundo curso da ESO. A temática que se abordará nesta actividade será similar á dos ciclos formativos e chegará a 5.000 alumnos de 100 centros de ensino. Paralelamente, as Asociacións de Nais e Pais (Anpas) tamén poderán solicitar a súa participación neste obradoiro a través da Escola de Pais e Nais, que abordará o mesmo tema aínda que desde unha óptica de adultos.

Estas dúas actividades enmárcanse nas accións que oferta o servizo Quérote + dependente da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que decidiu levar a cabo as iniciativas centradas nesta temática, xa que foi a máis demanda polos docentes dos centros de ensino.

Por outra banda, o servizo Quérote + tamén oferta ás propias asociacións xuvenís e as oficinas da rede galega de información xuvenil, tanto en concellos como a nivel autonómico, programas de ocio destinados a mozos e mozas de entre 16 e 18 anos que tamén abordan a convivencia entre iguais e as boas prácticas nas redes sociais. Trátase das actividades denominadas ‘Exprésate’ e ‘Sacando as redes da pantalla’.

Os técnicos do servizo Quérote + tamén están a elaborar unha guía sobre convivencia destinada a pais e titores e un decálogo sobre convivencia e resolución de conflitos, que tamén conta coa colaboración da Garda Civil.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar