O próximo reto da Xunta é o Plan de Eficiencia Enerxética

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe a posta en marcha, por parte do Goberno galego, do primeiro Plan de eficiencia enerxética no Servizo Galego de Saúde, que prevé un aforro global, nos próximos anos, de 135 millóns de euros. De feito, segundo avanzou Feijóo, o Consello da Xunta de hoxe autorizou a contratación da subministración enerxética no Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela, por importe de 55 millóns de euros, para os próximos cinco anos, un prezo de licitación, que segundo sinalou, “xa é un 20% inferior ao gasto de enerxía que neste momento ten o complexo hospitalario” e que prevé unha baixada do custo de enerxía do 20% e un aforro de entre 11 e 12 millóns de euros.

Segundo explicou o mandatario galego na rolda de prensa tras o Consello, o consumo de enerxía na rede hospitalaria galega representa o 50% da factura enerxética do total da Administración autonómica, incluíndo a administración docente, a administración de xustiza, a administración xeral e tamén a administración dos servizos sociais.

Así mesmo, lembrou, que o incremento do custo da enerxía no Servizo Galego de Saúde entre o ano 2004 e 2011 foi do 150% de gasto, como consecuencia do incremento das tarifas, e que o consumo se incrementou un 34%. “Polo tanto –aseverou-, é necesario actuar e é necesario actuar porque é un lugar no que podemos facer eficiencia e no que temos que facer eficiencia xa que non ten ningún sentido que os capítulos dos hospitais tiveran un incremento do 150% no que se refire aos gastos enerxéticos nos últimos 6 anos”, abondou.

Por iso, dixo, a Xunta porá en marcha un Plan de aforro enerxético no Servizo Galego de Saúde que suporá un aforro global de 135 millóns de euros nos próximos anos e que “empezamos hoxe no Complexo Hospitalario de Santiago, cun obxectivo de aforro do 20% do seu consumo enerxético, entre 11 e 12 millóns de euros”, reiterou. “O primeiro Plan integral de eficiencia enerxética que se pon a funcionar nos servizos de saúde das 17 comunidades autónomas”, abondou.

O presidente galego indicou que, paulatinamente, se porá en marcha este plan de aforro no resto dos sistemas hospitalarios galegos ata conseguir “estes 135 millóns de euros de aforro en cinco complexos hospitalarios” e que, remarcou, “iremos ampliando ao conxunto e á rede total de centros de saúde”. Adiantou que os seguintes hospitais nos que se vai actuar son o Complexo Universitario de Vigo, o Complexo Hospitalario da Coruña, o Complexo Hospitalario de Lugo e o Complexo Hospitalario de Ferrol.

“Imos seguir traballando nisto”, dixo Feijóo, porque “estamos convencidos de que aquí hai un aforro importantísimo, de que aquí hai un aforro clave, e estamos convencidos de que imos ser capaces, entre todos de, tendo a mesma enerxía, ter un menor custo e, en consecuencia, máis facilidades para seguir investindo no que é sanidade en sentido estrito”, concluíu.

20M€ para apoiar proxectos tecnolóxicos en empresas
No transcurso da rolda de prensa, o mandatario galego anunciou, tamén, que a Xunta activará un fondo tecnolóxico dotado con 20 millóns de euros para impulsar a creación e posta en marcha de proxectos empresariais de base tecnolóxica e relacionados coa I+D+i. Este fondo i2C, que Feijóo cualificou como un “instrumento pioneiro en Galicia”, busca que Xunta e emprendedores impulsen proxectos tecnolóxicos que teñan futuro na comunidade autónoma.

O titular da Xunta sinalou que con esta iniciativa o Goberno galego blinda o seu compromiso co desenvolvemento tecnolóxico e explicou que a Xunta buscará socios privados para incrementar este fondo para que “calquera empresa que teña un proxecto en materia de innovación poida ter financiamento” a través del.

Segundo precisou, veranse beneficiados deste fondo aquelas empresas de sectores ligados á biotecnoloxía, á nanotecnoloxía, ás tecnoloxías da información, á sanidade, á educación, á seguridade e ás enerxías alternativas. O xefe do Goberno galego salientou que se está a realizar unha aposta máis segura pola innovación e para que a Administración poida compartir riscos cos fondos privados e así aumentar a capacidade de financiamento de proxectos específicos.

“Imos seguir apostando na lexislatura por dous vectores: a innovación e a internacionalización da nosa economía”, apostilou Feijóo, quen lembrou o “esforzo económico” que realizou a Xunta nas últimas semanas para fortalecer o corpo de investigadores da comunidade con 160 investigadores e 10 millóns de euros. Un esforzo que, en palabras do presidente, “estaría incompleto se o produto desa investigación non se traslada posteriormente ás empresas, á cadea de valor e á cadea produtiva na comunidade”.

“Necesitamos seguir captando talento pero tamén necesitamos aproveitar ese talento”, salientou o mandatario galego que apuntou, ao respecto, algún dos programas aprobados para este fin, como o Feder Interconecta, dotado con 30 millóns de euros e que actualmente está en período de licitación.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar