«Converter as enquisas en papeletas», obxectivo de Feijóo

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, instou os galegos a «converter as enquisas en papeletas» o próximo día 20 de novembro e asegurou que calquera voto que «non sexa» ao Partido Popular «favorecerá» de forma «indirecta ou directa» ao actual goberno dos socialistas.

   Así manifestouno o xefe de filas do PPdeG este domingo nun acto celebrado no municipio coruñés de Ribeira no marco da campaña electoral que o seu partido leva a cabo coa vista posta nos próximos comicios xerais, e onde estivo acompañado do candidato popular ao Congreso por A Coruña, José Antonio Erias, o cabeza de lista ao Senado, José Luis Torres Colomer e o alcalde da localidade, Manuel Ruíz Rivas.

   Neste escenario, Núñez Feijóo referiuse aos resultados das enquisas publicadas polos principais xornais que este domingo dan a vitoria ao Partido Popular ao asegurar que «España quere e necesita un cambio», unha «opinión maioritaria» que, ao seu xuízo, «non abonda con pensala ou desexala», senón que «se debe» traducir «en votos nas urnas».

   «Se queremos un cambio non abonda só con pensalo ou con desexalo, non hai que esperar aos demais, hai que provocar ese cambio, e o único modo que hai de provocar un cambio na democracia é votando», sentenciou o dirixente popular antes de pedir aos cidadáns que «non sexan meros espectadores do que pode pasar» no futuro» e a «participar e ser activos». Unha actitude que, na súa opinión, é a que se «necesita» para «saír deste burato».

   A este respecto, manifestou que «o camiño» da «saída da crise» está «escrito nas papeletas do Partido Popular», mintas que, segundo apuntou, «nas do PSOE están os cinco millóns de parados, un déficit público que non se pode soportar», así como «o incumprimento do sistema de financiamento autonómico» e, tamén o nome dos ministros que formaron o Consello de Ministros «máis incompetente da democracia».

   Así mesmo, asegurou que nas papeletas do BNG só «están eles» pois, como indicou, «lles dá igual o que aconteza e o que fan o fan para eles».

   Neste sentido, ironizou «coas leas» da formación nacionalista, ao indicar que «nin se poñen de acordo» e «teñen que falar coa UPG para que esta lles diga o que teñen que facer».

   «Nestas papeletas está o enfrontamento entre os españois cando o que necesitamos en momentos de crise é a unión», abundou o dirixente popular antes de apuntar que «tamén está o que di o señor Zapatero» pois, os nacionalistas que «din que o PSOE e o PP a mesma merda é, son os que sempre dan o seu apoio nos gobernos ao Partido Socialista».

   Por outra banda, na súa intervención Núñez Feijóo fixo balance do que vai de campaña electoral e sinalou que «todo o que se escoitou do PSOE» foi «clixés e tópicos» entre esquerda e dereita, unha cuestión que considerou «comprensible».

   «É comprensible que nos intenten superar con insinuacións, porque con ideas e propostas non nos poden superar», criticou antes de sentenciar que «en campaña o PSOE emprega un discurso absurdo porque levan oito anos cun goberno absurdo».

   Ademais, xefe de filas dos populares galegos acusou os socialstas de «estar nerviosos» ao «non ter nada de que presumir» tras «facer balance dos seus últimos ochos anos de goberno».

   Tras incidir en que «se non houbese eleccións o próximo domingo viría a Unión Europea e o cambiaría como en Grecia ou Italia», avanzou en que a «primeira medida económica» que corresponde tomar os cidadáns «é cambiar un Goberno que no seu programa non viu a crise» –en relación ao PSOE– por «un que ten todo o seu programa envorcado en cambiar esta situación».

   Neste sentido, reiterou que «o Partido Popular non ten inconveniente en declararse sen siglas» e «sumar unha gran maioría» para «iniciar» deste xeito, «a senda da recuperación», un aspecto para o cal tamén pediu o «compromiso de nacionalistas e socialistas».

   Por último, contrapuxo os últimos oito anos «de despropósitos», de «vivir por enriba das posibilidades» fronte ao «rigor» do Partido Popular e instou os cidadáns a poñer «un galego na Moncloa en próximo día 20».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar