Os billetes para os novos trens Santiago-Ourense xa están á venda por 13,5 euros

  • Chegará a Galicia o próximo 10 de decembro.
  • O billete A Coruña-Santiago custará 10,5 €; entre A Coruña e Ourense 22,5.

Renfe pon á venda os billetes para o novo servizo Avant Ourense – Santiago – A Coruña de alta velocidade, que chegará a Galicia o próximo 10 de decembro e que permitirá viaxar entre Santiago e Ourense en 38 minutos, fronte aos 94 actuais, por 13,5 euros o billete.

O Ministerio de Fomento informou este venres da venda de billetes para este servizo, que contará con cinco trens por sentido da serie 121, con 280 prazas e unha velocidade máxima de 250 quilómetros por hora, para unir diariamente Santiago e Ourense, dos cales dous realizarán o traxecto entre Ourense e A Coruña.

O billete sinxelo terá un prezo de 13,5 euros entre Santiago e Ourense; 10,5 euros entre A Coruña e Santiago; e de 22,5 euros entre A Coruña e Ourense, e haberá un abono 10 para o traxecto Ourense-Santiago por 11,48 euros, e outro Cartón Plus de 20 a 50 viaxes polo que realizar 40 viaxes custará 6,33 euros por viaxe.

Segundo Fomento, se o tren chega con máis de 30 minutos de atraso, devolverase o importe íntegro do billete.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar