Para o BNG, Rajoy significa «máis Feijóo e máis Merkel»

   O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, advertiu de que o candidato do Partido Popular á Moncloa, Mariano Rajoy, representa «máis recortes, máis paro, máis crise, máis Feijóo e máis Merkel», á que «non ousa nin tusir». Así, sinalou que fronte á «dereita en versión orixinal», o próximo 20 de novembro hai que ir votar ao BNG, a «única alternativa en Galicia, galega e de esquerdas».

   Nun discurso enchido de referencias ás consecuencias da política da «dereita», o líder nacionalista chamou a militantes e simpatizantes a converterse en «activistas» de aquí ao domingo electoral, para concentrar no BNG «o voto desconforme». «É o útil, urxente e necesario,» proclamou.

   «Vén sen subtítulos, en versión orixinal, razón de máis para apoiar ao BNG en Galicia», arengou o líder nacionalista ante un auditorio dunhas 450 persoas que se deron cita nunha sala de concertos da capital compostelana, e tras o que apelou aos que levan a «Galicia na cabeza, e o corazón na esquerda» a avalar os nacionalistas galegos.

   Durante o seu discurso, Guillerme Vázquez identificou de novo a Rajoy co político «de Iraq e do Prestige. «A Rajoy coñecémolo de vello», aseverou, para recordar que o dirixente popular tamén sentou «na bancada de ministros» co «señor (Jaume) Matas, implicado no caso ‘Palma Arena’, e o cal tamén relacionou coa adxudicación de 2,3 millóns de euros a unha empresa relacionada co duque de Palma, Iñaki Urdangarín.

   O voceiro nacional do Bloque desmentiu que a «xestión da dereita sexa máis eficaz» para saír da crise, e puxo de exemplo a situación que vive Galicia, que «sofre dende hai dous anos e medio o cambio do PP».

   Neste sentido, ironizou con calquera máscara de Rajoy. «Pódese disfrazar de peliqueiro –personaxe do carnaval de Laza que percorre as rúas cunha especie de chocallos no seu traxe–, de lagarterana, que seguro que lle gusta máis, ou de austero pastorcillo. Pode darnos lección de austeridade cual señorita Rotenmeyer. ¿De verdade ides crer que xestiona mellor?», reflexionou o líder nacionalista.

«GALICIA EN LIQUIDACIÓN»

   Así as cousas, Guillerme Vázquez avisou de que «anos de política de dereitas practicada polo Goberno central e galego conducen a máis paro e máis crise», polo que reclamou un «cambio de rumbo», para conseguir unha «saída social e galega» á situación económica.

   «A estas alturas do partido, visto o visto, e oído o oído, sen dúbida a única alternativa é a BNG», resaltou o político nacionalista, quen acusou o goberno de Alberto Núñez Feijóo de poñer «Galicia en liquidación».

   Ademais, o número un pola Coruña, Francisco Jorquera, criticou «ao cara de Rubalcaba» e ao «cara de Rajoy», facendo un xogo de palabras co cara a cara do pasado luns. Ao primeiro por propoñer agora o que «votou en contra» cando o BNG o levou ao Congreso e ao segundo por querer chegar a La Moncloa sen dicir cál é o seu programa.

   Jorquera denunciou, durante o seu discurso, as pretensións «centralizadoras» do Partido Popular e advertiu de que a formación que lidera Mariano Rajoy «prepara unha auténtica ofensiva» nese sentido, tal tempo que censurou que ideen «privatizar as televisións» autonómicas.

   Así mesmo, asegurou que hai outras opcións para reducir gastos, como no ámbito militar, a estrutura periférica ou a supresión das deputacións. Neste sentido, ironizou coa xustificación de Rajoy no debate ao parafrasear o popular dicindo que os entes provinciais serven «para inaugurar a luz». «Recórdame ao señor Fraga cando inaugurou unha fervenza», remachou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar