Guillerme Vázquez reclama en Allariz «máis peso en Madrid»

Votar BNG o 20 de Novembro é tanto como “votar a favor de que Galiza teña máis forza en Madrid”, como a teñen vascos e cataláns, afirmou no mítin de Allariz o líder do nacionalismo galego, Guillerme Vázquez, quen salientou que no Estado “tanto tes, tanto vales”.
“Necesitamos ter máis peso en Madrid. Peso en Madrid”, enfatizou o portavoz nacional, “necesitamos pesar alí como pesan vascos e cataláns. Pero para iso é preciso que entre todas e todos nós lle deamos máis forza á representación do BNG”.
O líder do BNG interpelou ao público asistente ao mítin. “Se realmente compartides connosco a necesidade de que Galiza dispoña dun altofalante en Madrid aínda máis potente, convertédevos en activistas sociais e animade a todo o mundo a votar BNG. Vós sodes a nosa forza. A nosa única forza. A diferenza dos partidos do bipartidismo español, nós non dispomos de grupos financeiros detrás, nin temos o apoio das fábricas de opinión”, relatou.
«En Madrid, tanto tes, tanto vales»O 20-N é o momento de tomar unha decisión. “Ou continuismo cos recortes que practican tanto PP en Galiza como PSOE no Estado ou cambio de rumo. Ou máis do mesmo ou cambio galego e de esquerdas”, dixo. As cidadáns e os cidadáns teñen a palabra.

“Haberá quen se absteña. Non o aconsello. Só serve para que continúen mandando os de sempre. Haberá quen aposte por ir aínda máis á dereita. Non o aconsello. Só servirá para agravar a crise e incrementar máis as desigualdades sociais. Nin deixar de votar nin votar máis dereita resolverá os problemas. Os problemas só se resolverán se cambiamos de rumo. Se votamos por políticas alternativas. En Galiza só se resolverán se apoiamos masivamente a Alternativa Galega de Esquerdas que representa o Bloque Nacionalista Galego”, defendeu o líder do BNG.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar