O Bloque propón poñer a salvo as coleccións artísticas de NCG

   O Bloque Nacionalista Galego  aposta por blindar a colección de arte das extintas caixas galegas (Caixanova e Caixa Galicia) para evitar que poidan ser vendidas como resultado do proceso de bancarización da entidade fusionada, á vez que avoga por que o patrimonio artístico sexa depositado, cedido ou adquirido como patrimonio galego e destinar para iso un espazo na Cidade da Cultura.
   Esta proposta tamén levaría aparellada unha exposición ao público que constitúa a Pinacoteca de Galicia, unha idea que o BNG defende porque permitiría «encher de contido» os edificios «baleiros» do Gaiás.
   Esta iniciativa, con forma de proposición non de lei, foi presentada pola deputada impulsora, a nacionalista Ana Pontón, acompañada polo portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez. Ambos destacaron a necesidade de preservar o patrimonio adquirido co «aforro dos galegos» en Galicia.
   Os nacionalistas defenden a necesidade de que este patrimonio sexa «público, visitable e accesible» para os galegos e advirten de que se trata dunha das coleccións de arte «máis relevantes» do Estado. Entre ela, destacou Pontón, con 3.000 pezas, destaca a colección de arte galega moderno e contemporáneo, tanto en pintura, como gravado e escultura, con pezas de Dalí ou Picasso.
   Ademais, o portavoz nacional do Bloque volveu a insistir na necesidade de que se abra no Parlamento unha comisión de investigación, para «explicar que pasou co diñeiro» dos galegos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar