O Plan Hidrolóxico impide novos encoros nos rios galegos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este mediodía, na rolda de prensa do Consello, que a Xunta vén de culminar a tramitación autonómica do Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa; un plan que, dotado cuns investimentos de 1.000 millóns de euros ata 2015, “cumprirá –destacou- co obxectivo de mellorar a calidade das augas e co compromiso de protexer ao máximo os nosos ríos”.

O titular da Xunta precisou que os obxectivos deste plan son claros: o saneamento das rías e o saneamento dos ríos competencia exclusiva da Comunidade antes do ano 2016; e cumprir o compromiso de non autorizar novos obstáculos aos ríos destinados a aproveitamentos hidroeléctricos. “Non vamos a autorizar novos embalses, novas presas, novas minicentrais que afecten aos cauces naturais dos ríos, tal como están neste momento transcorrendo por Galicia no ámbito das competencias exclusivas de Galicia, que son os ríos que nacen e morren no territorio da Comunidade”.

Así mesmo, Feijóo explicou que se trata dun documento “completo” e elaborado “con axilidade”. “Somos a terceira comunidade que presenta un plan dun total dos 26 que hai que elaborar en España. E trátase dun plan completo, porque se concretan recursos económicos para actuar a medio e longo prazo. Conta cun programa de investimentos de 1.000 millóns de euros ata 2015; 500 actuacións onde se concretan os investimentos e as decisións a acometer”.

Feijóo afirmou que, a pesar da crise económica, o Goberno galego seguirá priorizando en materia de infraestruturas. “E os nosos compromisos en materia de infraestruturas son as infraestruturas xudiciais, sanitarias, tecnolóxicas e as infraestruturas de saneamento e abastecemento de auga”, concluíu.

Pola súa banda, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, precisou que este plan estará sometido a un continuado seguimento e actualización. “Trátase –dixo- dun documento vivo, con informes de seguimento anuais para a Unión Europea, unha primeira revisión no ano 2013 e unha revisión completa no ano 2015”.

Así mesmo, explicou que se trata dun plan máis participativo, “posto que se realizou unha fase de participación con mesas de debate territoriais e sectoriais e unha información pública de seis meses, ademais de realizarse un seguimento, a partires de agora, de xeito participativo”; máis ambiental, “xa que fronte ao plan anterior, este plan conta coa tramitación ambiental correspondente e tamén coa súa correspondente memoria ambiental”; e máis sostible tanto ambientalmente como economicamente, “ao analizar de acordo coa directiva marco da auga a recuperación dos custos do uso do recurso”.

Agustín Hernández destacou tamén que se trata dun plan máis realista, como consecuencia de ter en conta os derradeiros datos de aforos climatolóxicos para axustar mellor as diferentes demandas. “E é tamén un plan –engadiu- máis conservacionista, ao prohibir novos aproveitamentos hidráulicos que supoñen obstáculos adicionais nos nosos ríos e ao establecer novas áreas protexidas, tanto novas tipoloxías de protección como máis quilómetros de ríos protexidos. En concreto 889 quilómetros de ríos protexidos fronte aos 84 quilómetros do plan anterior, é dicir, multiplicamos por 10 os quilómetros de ríos protexidos”.

O Consello da Xunta tamén aprobou un protocolo de actuación en situacións excepcionais de contaminación atmosférica en Galicia. Segundo resaltou o presidente galego, con esta medida dáse cumprimento a unha normativa europea, creando unha ferramenta “para poder responder dunha forma coordinada e áxil ante calquera eventualidade deste tipo”, e garantindo “a máxima atención as 24 horas, os 365 días do ano”.

O protocolo establece que a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental será a encargada de “vixiar en tempo real as concentracións de contaminantes no aire” e tamén de coordinar, a nivel interno, as cinco consellerías implicadas. A nivel externo, establécese o procedemento para subministrar información actualizada ás delegacións territoriais, a todos os concellos galegos, ás industrias, aos portos, aos aeroportos e, a través de todo isto, á poboación en xeral.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar