As comunidades do PP reclaman a Salgado unha previsión de crecemento para 2012

Os 13 presidentes autonómicos do Partido Popular pactan con Rajoy a  petición oficial dunha reunión urxente do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF). O obxectivo principal é reclamar á vicepresidenta económica do Goberno, Elena Salgado, que fixe unha previsión de crecemento para o ano 2012.

   Esta foi a decisión que saíu da reunión de urxencia que convocou Mariano Rajoy, a petición dos seus presidentes autonómicos, para abordar a crise económica e as consecuencias da decisión do Goberno de non presentar un proxecto de Orzamentos Xerais do Estado, nin un decreto de prórroga das actuais contas públicas.

   Os populares argumentan que esta situación deixou ás CCAA sen unha referencia das variables macroeconómicas para o próximo ano e, por tanto, sen unha pauta coa que poder realizar os orzamentos xerais das súas respectivas rexións para o ano 2012.

   Un feito sen precedentes na historia democrática, como afirmaron os propios presidentes autonómicos do PP. Xa que cando se produciu o cambio do Goberno socialista ao popular, Felipe González realizou en 1995 un proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para o ano seguinte.

   Por iso, os presidentes autonómicos populares, que son un total de trece, teñen previsto pedir a Elena Salgado que fixe unha previsión de crecemento para 2012, que sexa o máis axustada posible á realidade, para poder traballar, fixar un teito de gasto e ter claro, como mínimo, un chan de ingresos. Non en balde, as CCAA dependen en gran medida das transferencias do Estado, máis do 65 por cento do seu orzamento procede de aí.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar