«Que me queres, amor?», de Manuel Rivas

Na Editorial Galaxia, celebramos o 25 aniversario da primeira
publicación do libro «Que me queres, amor?», de Manuel Rivas, cunha
edición moi orixinal. O universo creativo de Diego Estebo ponse ao
servizo da pluma de Rivas nesta fermosa edición ilustrada que temos a
honra de publicar, dentro da colección Xohán Ledo, no noso catálogo.

Unha publicación de altísima calidade que xera novas lecturas neste
clásico imprescindible da literatura galega. Esta xoia literaria
atesoura dezaseis narracións que enxergan o milagre do mundo no soño dun saxofonista ou na brancura luminosa do leite fresco.

Atopámonos ante un dos libros máis recoñecidos do autor que, esta vez,
vén con outras cores e formas na que as lectoras e lectores poderán
degustar esta variedade de relatos que rescatan a grandeza do pequeno.

Manuel Rivas ofrécenos unha interpretación lírica, dura e delicada á
vez, dun país habitado polo tempo e por xentes que reclaman o seu
dereito a ter unha historia que contar. Un libro de extrema
sensibilidade, que contén os contos que foron levados ao cine no filme
«A lingua das bolboretas».

Premio Nacional de Narrativa e Premio Torrente Ballester, este libro de
relatos de Manuel Rivas (A Coruña, 1957) supuxo, no seu momento, a súa
consagración definitiva como narrador. Este libro ofrécenos un universo
literario que enxalza a grandeza do pequeno, ateigado dun feixe de
talento en cada unha das súas páxinas, atopámonos ante unha creación
totalmente única.

Manuel Rivas (A Coruña, 1957) é un dos escritores máis destacados no
actual panorama das letras galegas. Dende 2009 é membro da Real Academia
Galega. É autor dunha obra literaria que abrangue títulos como os
poemarios «Libro do Antroido» (1981), «Balada nas praias do oeste»
(1985), «Mohicana» (1986), «Ningún cisne» (1989), «Costa da Morte blues»
(1995), «O pobo da noite» (1997) e as obras narrativas «Un millón de
vacas» (1989), «Os comedores de patacas» (1991), «En salvaxe compaña»
(1994), «Que me queres, amor?» (Editorial Galaxia, 1995), «O lapis do
carpinteiro» (1998) e «Os libros arden mal» (2006).

Rivas é tamén un dos representantes máis salientables do xornalismo
galego de hoxe. Colaborador habitual do diario El País, dirixe a revista
Luzes de Galiza e ten recollido grande parte dos seus artigos
xornalísticos en libros como «Galicia, el bonsai atlántico» (1990),
«Toxos e flores» (1993), «Muller no baño» (2002) e «Os Grouchos» (2008).
En 2009 recibiu o Premio de xornalismo Francisco Fernández del Riego por
un artigo sobre Ramón Piñeiro; en 2011 foi nomeado Doutor Honoris Causa
pola Universidade da Coruña.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar