A pesar do tirón da automoción, os rebrotes castigan ás exportacións galegas

Os autores do Baexga, José Manuel Sánchez e Isabel Novo, afirman que o descenso dun 7,2% nas exportacións en agosto de 2020 respecto ao mesmo mes de 2019 racha coa tendencia de variacións interanuais positivas rexistradas no mes de xuño e xullo. Os expertos do Foro consideran que estas cifras coinciden coa aparición dos rebrotes do Covid-19, que parecían anticipar unha segunda vaga da pandemia, coas implicacións que se poden desprender no terreo económico, en xeral, e no comercio internacional en particular.

Porén, as cifras para Galicia seguen a amosar un comportamento algo mellor que a media española e tamén con relación á media da Unión Europea. No conxunto España presenta unha variación interanual de -9,1, case dous puntos máis que Galicia, mentres que a UE amosa un -8,4%.

O Baexga salienta un extraordinario comportamento do sector do automóbil que o sitúa como lider das exportacións galegas, o seu peso no conxunto do comercio exterior acada un 27,3% en agosto deste ano e cunha taxa de variación interanual do 101%, dobra o valor das exportacións deste sector no mesmo mes do ano anterior.

O sector agroalimentario tamén consigue manterse na zona verde e móvese en niveis lixeiramente por riba do escenario previo á pandemia.

Pola contra, o outro sector con máis peso no comercio exterior galego, o téxtil, segue sen  remontar en agosto, cunha taxa de variación interanual de -21,4%, moi lonxe de recuperar os datos previos ao Covid-19.

Cabe salientar que a metalurxia mitiga a súa caida no mes de agosto e acada por vez primeira dende febreiro unha taxa de variación interanual positiva, cun 0,1%. Polo demáis, os sectores de combustibles, madeira e derivados e bens de equipo non conseguen frear o descenso ininterrumpido iniciado coa pandemia, ainda que nalgúns deles como a madeira o comportamento amósase un pouco mellor que nos meses anteriores.

O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesores das tres universidades galegas, empresarios e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica.  Un total de máis de 60 persoas referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega.

O documento pode ser consultado na nosa web: https://feg.alialabs.com/publicacions.html

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar