A Deputacion de Ourense e o Consello da Cultura Galega convocan unha exposición sobre Alfonso X “O Sabio”

No Pazo de Raxoi, onde tivo lugar o encontro, Manuel Baltar e Rosario Álvarez estudaron os detalles dunha iniciativa que permitirá traer a Ourense o próximo ano unha exposición sobre as Cantigas de Santa María e a época de Alfonso X “O Sabio”. Unha mostra de carácter cultural e histórica que, segundo manifestou Manuel Baltar, “terá unha notable importancia para Ourense pois porá de relevo a pegada que o rei de Castela e León deixou na nosa provincia en lugares tan emblemáticos como Oseira, Xunqueira de Espadanedo, Allariz, Baños de Molgas, Celanova, Melón ou a propia capital”.

Manuel Baltar, que foi invitado a asinar no libro de honra do Consello da Cultura Galega, tamén adiantou o interese da Deputación de Ourense por acoller en 2021 no Centro Cultural Marcos Valcárcel a exposición “Alba de Gloria”, unha recreación do discurso que Castelao pronunciou o 25 de xullo de 1948 no Teatro Arxentino, como colofón das Xornadas Galegas que organizara o Centro Galego de Bos Aires. Unha iniciativa que permitiría dar continuidade á exposición “Castelao e Prada, irmaus¡” que en 2018 acolleu a antiga biblioteca do Pazo Provincial e que permitiu ver, xunto ás cinzas de Rodolfo Prada Chamochín e a súa dona, a icónica obra “A derradeira leición do mestre”, pintada en 1945 polo máximo representante do nacionalismo galego.

No decurso da reunión, Manuel Baltar e Rosario Álvarez abordaron outros proxectos que se poderían desenvolver no ámbito da colaboración entre a institución provincial e o Consello nos próximos anos -2022, 2023-, “para o que ofrecín a capacidade organizativa da Deputación de Ourense no deseño de calquera proxecto cultural”, poñendo como exemplo a exposición “In tempore sueborum”, a mostra máis importante realizada en Europa sobre o mundo suevo.

Neste contexto, o presidente da Deputación detallou a actividade e xestión de infraestruturas culturais que leva a cabo a institución provincial, a través do xa citado centro cultural Marcos Valcárcel, o centro de cultura popular “Xaquín Lourenzo”, a publicación da revista Raigame,  a Real Banda de Gaitas da Deputación ou o Anuario que publica a Escola Provincial de Gaitas, que hoxe mesmo presentou a súa edición número 34.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar