Congreso Internacional do Teatro Galego

O I Congreso Internacional do Teatro Galego clausurouse destacando que os novos retos que esixen o século XXI e a sociedade postpandemia reclaman un cambio en profundidade do sistema teatral galego para mellorar e facer fronte ao futuro.


Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura e encargada de pronunciar o discurso de clausura, lembrou que no Congreso de 1988, celebrado en Ferrol, o teatro galego estaba aínda en proceso de desenvolverse e que sobre el pairaban moitas incógnitas. O que acaba de rematar, dixo, “é unha demostración da fortaleza do sistema teatral galego”.A presidenta do CCG destacou, así mesmo, a unidade demostrada no Congreso, grazas a unión de asociacións profesionais que o fixeron posible.


Álvarez destacou a importancia do Informe sobre as Artes Escénicas realizado polo Observatorio da Cultura e presentado na primeira xornada de traballo, destacando que puña “cifras á percepción subxectiva. Destacou o grao de satisfacción do público, que lle outorga ás obras un 9,1 de puntuación e subliñou que o traballo realizado polos asistentes ao Congreso foi só unha diagnose sobre a que construír o futuro, “un paso previo para mellorar o sistema”. “Confiamos na transformación do teatro”, rematou.


Premios da Academia Galega de Teatro


A cerimonia rematou coa entrega dos primeiros premios concedidos pola Academia Galega de Teatro. Así, Manuel Lourenzo, María Xosé Queizán e Luís Álvarez Pousa foron nomeados Académicos de Honra. De igual maneira, Ernesto Chao, Gustavo Pernas e Celso Parada serán lembrados na cerimonia de clausura, na que se lles entregará, a título póstumo, a Medalla da Academia Galega de Teatro.


As medallas de Parada, Pernas foron recollidas polas súas compañeiras, isabel Ávila e Ánxela G. Abalo, mentres que a de Ernesto Chao recolleuna Luma Gómez en nome de Rosa Álvarez, viuva do actor, quen non puido desprazarse ata Compostela.

O acto, desenvolvido na Cidade da Cultura, foi amenizado polo trío musical Mr.Cool. Imma Antonio, que conduciu o acto, puxo fin ao Congreso animando a todos a debater e reflexionar sobre as propostas recibidas para mellorar o sistema das artes escénicas de Galicia.


O Congreso


O I Congreso Internacional de Teatro Galego analizou durante os últimos tres días cuestións relacionadas coa experiencia acumulada no teatro galego nos últimos corenta anos, sobre os retos que enfronta na actualidade e sobre modelos externos dos que se poidan extraer ensinanzas no futuro. Máis de setenta especialistas participaron en conferencias, mesas de debate,
comunicacións persoais e debates plenarios para, por unha banda, analizar o presente dende unha perspectiva académica que contribúa a un mellor coñecemento do sistema teatral de Galicia e, pola outra, deseñar os principios teóricos que deben guiar a creación dun plan estratéxico e dunha lexislación que ampare a creación e distribución escénica para a vindeira década.

O primeiro día do Congreso, o Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura, presentou un completo informe sobre a situación das artes escénicas que analiza o sistema teatral desde unha perspectiva global –público, xestores e creadores– e que, ademais, ofreceu as primeiras cifras de como lle afectou a crise derivada da pandemia.

Presentacións de iniciativas editoriais, arquivos de documentación, plataformas virtuais e iniciativas de distribución completaron a extensa ollada que o Congreso deitou sobre as artes escénicas e que terá a súa continuación na publicación das conclusión que se editarán posteriormente.

Todas as sesións do Congreso estarán dispoñibles para a súa consulta, durante un mes, na plataforma culturaenvivo.com, a través da se que retransmitiu toda a actividade durante estes días.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar