Homenaxe do OUFF ao director de cine José Luis Cuerda, na praza Maior de Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou na homenaxe que o Festival de Cine de Ourense (OUFF) lle tributou ao cineasta José Luis Cuerda, un acto que tivo lugar na praza Maior de Ourense -escenario dunha das súas películas, Los girasoles ciegos-, onde se descubriu unha placa conmemorativa (na esquina da praza Maior coa rúa das Tendas). O evento contou coa participación do presidente da Deputación, Manuel Baltar; a filla do cineasta, Elena Cuerda, e o coordinador artístico do OUFF, Miguel Anxo Fernández. Baltar reinvidicou “a figura de Cuerda como un dos grandes directores da historia do cine español, para quen Ourense foi a súa “patria electa”.

Tamén estiveron presentes no acto o director de Agadic, Jacobo Sutil; o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o coordinador técnico do festival, Aurelio Gómez Villar, e alcaldes e representantes municipais dos concellos que forman parte da filmografía de Cuerda na provincia de Ourense. “Un vencello que Cuerda fixo transcender para que Ourense traspasase fronteiras no cine”, expresou o presidente Baltar, lembrando títulos como A lingua das bolboretas, El bosque animado, Amanece, que no es poco ou Los girasoles ciegos, “obras algunha delas que abranguen moita da filosofía que fixo nacer o OUFF e que o seguen engrandecendo día a día, convertendo a Ourense nun gran plató para a produción audiovisual”.

Manuel Baltar remarcou que o que buscamos “é que Ourense teña sona e visibilidade dentro da traxectoria do cine galego, que non se entende sen Ourense; un Ourense ao que lle quedan moitas páxinas por escribir da historia do cine, xunto con este festival que hoxe lembra a José Luis Cuerda, nesta xustísima homenaxe de quen foi un escalón proverbial para hoxe esteamos aquí falando de cine”, afirmou Manuel Baltar.

Miguel Anxo Fernández destacou do cineasta un dos seus traballos máis representativos: O bosque animado, “que reflectiu unha Galicia non tópica, unha Galicia digna, unha Galicia máxica”, e Elena Cuerda agradeceu en nome da familia a homenaxe e lembrou o “apego” que Cuerda tiña ao Festival de Ourense, no que participou en diferentes ocasións ao longo destes 25 anos, así como o seu afecto a unha terra na que decidiu levar a cabo o seu proxecto vinícola en Gomariz. “Adoraba Galicia, sobre todo a Galicia fluvial e as súas xentes, de quen dicía eran grandes oradores”.

Pese a ter nacido en Albacete, José Luis Cuerda era ourensán de adopción desde que se namorou desta terra e se fixo cunha casa na comarca do Ribeiro. Alí fundou tamén a súa propia adega, Sanclodio.

A Deputación de Ourense tramita o expediente para o seu nomeamento como Fillo Adoptivo da Provincia, territorio ao cal tan vencellado estivo Cuerda, con especial relevancia ao Festival de Cine, un dos nexos máis importantes. En 1997 recibiu a que foi a segunda Calpurnia de Honra do OUFF e no 2002 foi presidente do xurado internacional. Pero ademais aquí rodou dúas películas que xa forman parte da historia do cine feito en Ourense: “A lingua das bolboretas” e “Los girasoles ciegos”. E precisamente hoxe, para completar a homenaxe, proxéctanse estes dous filmes. O primeiro púidose ver este mañá, e o segundo terá o seu pase ás 20:30 horas, no Teatro Principal.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar