Mellora substancial da actividade económica en xuño, pero segue por baixo do rexistrado en 2019

O Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica amosou no mes de xuño unha caída inter-anual do -8,5%. Esta cifra supón unha clara melloría sobre os meses anteriores, os máis afectados polo confinamento: -34,5% en abril e -20,8% en maio.

A combinación das taxas de variación interanual do Indicador para abril, maio e xuño encaixan perfectamente coa variación do PIB para o conxunto de segundo trimestre publicada polo Instituto Galego de Estatística (IGE) a semana pasada: -17.9%.

Os datos parciais dispoñibles para xullo apuntan que o proceso de recuperación acelerouse no terceiro trimestre, a expensas de que os rebrotes da pandemia que estamos a vivir poidan ter un efecto negativo na fin do mesmo. Dende o Foro Económico de Galicia sumámonos a chamada sobre a necesidade de respectar escrupulosamente as normas de saúde pública vixentes para protexer as vidas e tamén os medios de vida da xente.

Un Indicador adaptado metodoloxicamente á nova situación económica

O Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica tamén se viu afectado polo COVID-19, sendo necesario modificar o seu deseño metodolóxico.  A anterior metodoloxía, que tan ben se viña axustado á medición da actividade económica galega, amosouse incapaz de recoller un golpe tan fondo como o acontecido. Algo que lle está a ocorrer a todos os indicadores de actividade usados por diferentes institucións nos distintos países.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar