In saecula

            No ano 81, a omnipresente haxiografía ocupábase de contar historias complementarias dos grandes sucedidos, e sóubose que o daquela príncipe de Asturias, Felipe de Borbón, andaba arredor do seu pai, xogando mentras ao seu arredor se escribía a historia. E como aquel febreiro fora especialmente axitado, con todo tipo de acontecementos políticos, que morrera a súa avoa materna, e por fin a revolución montada o 23F, nun momento dado o príncipe neno exclamou: ¡Jo, que mes!.

            “Pasou o que pasou” din os crípticos, cambiamos de ano, e por fin de século… E o novo século resultounos atravesado. Comezando polo incrible ataque ás torres xemelgas, que cambiou a nosa visión do terrorismo e a tranqulidade social, pasando pola brutal crise económica que cambiou o noso xeito de contemplar a propiedade, a empresa, o emprego… ata chegar á imprevisible pandemia que cambiou a nosa perspectiva do traballo, a saúde, a vida.

            Se fosemos nenos, áparte de que nos enterariamos de moitos menos detalles agresivos da problemática xeral, sempre poderiamos liberar tensións exclamando en algún momento ¡Jo, que século!. Pero non somos nenos, enterámonos de todo o malo que nos chove por riba, sabemos que as exclamacións só serven como unha válvula de escape momentánea e que despois de todo o que levamos soportado seguiremos a experimentar sorpresas desagradables ou difícilmente ledas deste tempo que nos fai temer nos momentos mais agobiantes que as dificultades viñeron para quedarse “in saecula seculorum”. E que o melllor que podemos facer é aproveitar as cousas boas e sufrir con paciencia as veleidades dun tempo algo tolo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar