Ourense acollerá no 2021 o campionato do mundo de carreiras de aventura

Ourense acollerá en 2021 o campionato do mundo de carreiras de aventuras, unha das probas máis duras e esixentes desta especialidade, que reunirá a máis de 70 equipos dos cinco continentes, que percorrerán unha lonxitude de máis de 600 quilómetros en Galicia, tendo como escenario principal as paraxes naturais da provincia de Ourense.

A presentación da carreira tivo lugar no Pazo Provincial coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e do director da carreira, Pablo López. A proba é a final mundial de carreiras de expedición, na que os participantes deberán completar os máis de 600 quilómetros realizando treking, BTT e kayak percorrendo máis de 200 quilómetros dos lugares mais representativos da montaña e os ríos ourensáns. Ao tratarse dunha carreira de orientación os equipos non coñecerán a ubicación dos puntos de paso ata o día anterior á proba, que se entregarán os mapas.

Manuel Baltar destacou “a importante proxección turística e mediática que ten esta carreira, que será emitida en máis de 70 países, para 750 millóns de espectadores, nun programa especial de National Geographic”, ademais da repercusión que terá nas viaxes aéreas, ao incluírse como parte da programación que os viaxeiros poderán dispoñer a bordo. A carreira celebrarase en outubro de 2021, e será a derradeira do calendario mundial do próximo ano, a gran final, da cal sairán os novos campións mundiais. Este gran evento deportivo terá unha duración de oito días, tempo que terán os participantes para completar o trazado proposto pola organización. O presidente do goberno provincial salientou que, ademais dos deportistas, “visitarán Ourense prensa especializada de todo o mundo e acompañantes, quen, sen dúbida, converteranse en embaixadores turísticos da nosa provincia logo de coñecer os singulares escenarios polos que descorrerá a carreira”, comenta Baltar.

“Ourense é un territorio perfecto para o desenvolvemento desta proba, que fará da “marca Ourense”, asociada ao ecosistema de turismo deportivo, un referente”, expresou Manuel Baltar, quen subliñou “o carácter integrador da proba -con equipos mixtos- e tamén sostible, xa que contará con vehículos eléctricos, limpeza de tramos terrestres e fluviais, é dicir, con todos os elementos para ser unha proba de defensa máxima da natureza e do medio ambiente”.

Baltar agradeceu a Pablo López a proposta deste proxecto, “que encaixa perfectamente coa dinámica da Deputación, e que se celebrará nun ano, 2021, que será importante por moitos motivos, fundamentalmente polo Xacobeo e os camiños que desde Ourense levan a Santiago e que tamén poderán ter protagonismo na proba; e un ano no que cabe citar a declaración de patrimonio mundial pola Unesco para a Ribeira Sacra, un acontecemento moi destacado para a promoción turística da nosa provincia e para pór en valor o noso patrimonio cultural, natural e etnográfico”, sinala o presidente Baltar.

Pola súa banda, Pablo López comentou os aspectos técnicos da proba, explicando que previamente a esta final “haberá dez carreiras clasificatorias enmarcadas no Adventure World Series”, e salientou que fai dez anos que non se fai esta carreira en Europa. “Desde o principio tivemos claro que neste proxecto de aventura, que engloba a toda Galicia, tiña que estar Ourense porque nos parece a provincia máis axeitada para unha proba destas características, pola súa montaña e porque aquí temos os mellores ríos de Galicia”, dixo, remarcando o agradecemento ao presidente Baltar e á Deputación de Ourense “polo apoio que nos deron desde o primeiro minuto que propuxemos este proxecto, do que temos a seguridade de que será a mellor carreira de todas as celebradas ata o momento”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar