O Rallye de Ourense, organizado en tempo récord, gánalle a carreira ao COVID-19

Antes de comezar, a proba xa lle gañou a carreira ao COVID-19, pois o evento foi organizado, por primeira vez no seu medio século de historia en tempo récord: un mes. Así o explicou Julio Bouzo, quen agradeceu “o apoio dos dous principais patrocinadores do rallye, a Deputación e o Concello de Ourense, por estaren sempre aí, colaborando con esta proba deportiva que transcende o mundo do motor para ser un acontecemento social, turístico e deportivo de primeiro orde para a provincia de Ourense”.

A proba, que contará con 90 participantes, 33 dos cales son pilotos da provincia de Ourense, terá o seu centro operativo no Xardín do Posío, “e homenaxea este ano a toda unha lenda do Rallye de Ourense, José Ramón González”, lembrou Rosendo Fernández, quen fixo un chamamento aos afeccionados “para que entre todos poidamos gozar con seguridade e respectando as normativas de seguridade e sanitarias para que el Rallye de Ourense sexa, como acontece todos os anos, a gran festa do motor”.

Pola súa banda, Jorge Pumar, quixo destacar o labor que ao longo destes 53 anos “leva realizando a organización dun dos mellores rallyes de España”, salientado o que supón “ter organizado esta proba en a penas un mes”. Pumar dixo que o Concello de Ourense “está e seguirá estando con rallye”, e apelou, ademais da seguridade, “á sensibilidade medioambiental, para que entre todos respectemos a contorna, demos exemplo aos máis novos, e sigamos sentindo orgullo da sustentabilidade que caracteriza ao Rallye de Ourense”.

Julio Bouzo agradeceu ás forzas e corpos de seguridade, aos voluntarios e a todas as persoas implicadas na organización do rallye, “o labor que realizan”, así como o apoio á Xunta de Galicia, Deputación e Concello de Ourense, e aos municipios de Barbadás, Toén, Amoeiro, Boborás, Castrelo de Miño, O Irixo, Maside e A Peroxa, pola súa cooperación, xunto a todos os patrocinadores.

A proba será puntuable para os campionatos e copas establecidos no Regulamento Deportivo do CERA 2020 e para a Copa Suzuki Swift 2020. Terá un percorrido de 425 quilómetros, con 8 tramos cronometrados (123 quilómetros). A entrega de premios celebrarase no Xardín do Posío, con trofeos para os tres primeiros clasificados, e tamén haberá distincións para os tres primeiros clasificados na Copa Suzuki, así como o trofeo “Eduardo Barreiros” para a primeira marca clasificada; o trofeo “Estanislao Reverter” para o primeiro clasificado con vehículo Grupo H, e o trofeo “José Luis Outeiriño” para o primeiro ourensán clasificado.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar