A Deputación de Ourense aproba os concursos do OUFF 2020: longametraxe, curtas e Fas Muvis

A 25ª edición do Festival de Cine de Ourense (OUFF) da un paso máis hoxe coa aprobación, por parte da Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, das bases dos concursos de longametraxe, curtas e Fas Muvis. Na reunión, celebrada esta mañá e presidida polo presidente do goberno provincial Manuel Baltar, deuse luz verde a estes tres certames, enmarcados na celebración do festival de cinema, que organiza a Deputación de Ourense coa colaboración da Fundación «Carlos Velo».

No que atinxe á competición oficial de longametraxes poderán concursar as persoas físicas ou xurídicas (produtoras, distribuidoras…) que posúan o debido control legal sobre as obras que presenten a competición. As películas deberán estar producidas en 2019 ou 2020; poderán ser de ficción, animación ou documentais e non poderán terse exhibido nin editado comercialmente en España en salas públicas (agás en festivais), televisión, dvd ou vídeo antes do 25 de setembro de 2020, nin tampouco en Internet, e deberán ter unha duración superior os 60 minutos. A inscrición das películas para participar na sección oficial do festival será gratuíta e deberá facerse polos seguintes canais:

– Plataformas on line: FESTHOME.COM e CLICKFORFESTIVALS.COM

– Páxina web do festival: www.ouff.org, facilitando un enlace de reprodución e cumprimentando o boletín de inscrición que figura na mesma.

– Tamén poden ser enviadas fisicamente en DVD ou Blue Ray á seguinte dirección: Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF2020). Centro Cultural Marcos Valcárcel. Rúa Progreso, 30. 32003 Ourense (España).

O prazo de recepción de películas rematará o 15 de xullo de 2020. O xurado da competición oficial de longametraxes outorgará os seguintes cinco galardóns:

– Calpurnia a mellor película, dotado con 12.000 euros e trofeo.

– Premio Carlos Velo á mellor dirección: 2.000 euros e trofeo.

– Premio Especial do Xurado: trofeo

– Premio ao mellor guion: trofeo

– Premio á mellor interpretación: trofeo

O festival concederá tamén catro premios máis:

– Premio do Público: trofeo. Concederase ao filme da competición oficial de longametraxes que obteña unha maior puntuación ponderada en función dos votos emitidos polos espectadores tralas proxeccións.

– Premio Xacobeo: 12.000 euros e trofeo. Será outorgado por unha comisión formada por membros da Fundación Carlos Velo, Deputación de Ourense e Xunta á mellor obra con produción ou coprodución galega de todo o festival.

– Premio Especial «Eduardo Barreiros»: 2.000 euros e trofeo. Outorgarase pola organización á mellor opera prima do cinema español estreada entre setembro de 2019 e setembro de 2020.

– Premio CIMA: trofeo. Concédeo a Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) á mellor directora da sección oficial.

Concurso de curtas

No referido ao concurso de curtas, o obxectivo é estimular a curtametraxe en Galicia, como expresión básica da creación audiovisual. As curtas deberán estar realizadas en Galicia ou dirixidas por unha persoa galega. A data de estrea das pezas que se presenten a concurso, en caso de teren sido xa estreadas, non poderá ser anterior a 2019. Tamén se aceptan obras inéditas que poidan realizar a súa estrea no festival.

As curtametraxes non poderán ter sido seleccionadas en edicións anteriores do OUFF en Curto, e non poderán exceder dos 30 minutos de duración e a temática será libre, estando admitidos todo tipo de xéneros e modalidades de creación, agás o spot publicitario e o videoclip. Ademais, os materiais presentados deben estar en lingua galega ou en español. En caso de seren nun idioma diferente a estes, deben estar subtitulados a unha destas dúas linguas.

As obras a concurso competirán nunha categoría única, independentemente do xénero do audiovisual. Establécense dous premios, elixidos polo xurado profesional, coa contía de 1.000 € para a obra que sume a maior puntuación e 500 € para a segunda.

Establécese, a maiores, un «Premio do Público», dotado con 300 €, que poderá ser compatible cos dous premios anteriores se así resultara. O xurado poderá decidir tamén outorgar unha ou varias mencións especiais en caso de que o consideren oportuno. Os gañadores ou gañadoras recibirán igualmente unha figura conmemorativa do certame.

Para participar será imprescindible cubrir o formulario de inscrición na plataforma FESTHOME. O prazo de presentación será dende o día seguinte ao da publicación destas bases no BOP ata o 31 de agosto de 2020 ás 23:59 h. As obras deben enviarse preferentemente en formato «.mp4» ou «.mov» (codec H264), cunha resolución mínima de 1280×720 píxeles. En caso de necesidade técnica, poderanse transcodificar ou solicitar as obras seleccionadas en formato diferente a efectos da súa proxección. En caso de dúbidas nalgún dos puntos anteriores, estas poden ser atendidas no correo electrónico ouffencurto@gmail.com.

Fas Muvis

Fas Muvis é un concurso por equipos para a realización dunha peza audiovisual cunha duración determinada durante un tempo limitado. Cada equipo participante contará cun presuposto pechado para a realización da obra. A inscrición será por Equipos nunha única categoría e haberá un máximo de 6 equipos competindo, cada un dos cales estará formado por un máximo de 5 membros que non poderán ser maiores de 30 anos.

Os equipos deberán aportar un dossier co nome do equipo, os datos de contacto dun membro que exercerá de produtor, unha proposta de idea e unha sinopse, os datos persoais de todos os compoñentes do equipo e un cv breve de cada un. Este dossier non deberá superar as 3 páxinas. A organización fará a selección dos equipos concursantes atendendo ao CV dos membros, á calidade do proxecto e a adaptación do relato proposto ás Bases do Concurso.

A data límite de entrega de propostas será o 16 de setembro ás 14h no correo fasmuvis@gmail.com e a lista de seleccionados farase publica o día 17. Os Equipos en competición ou o seu produtor deberán presentarse o dia 25 de setembro ás 18h no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense para proceder á entrega de credenciais e á explicación detallada das bases do Concurso.

Haberá un límite de 48 horas para a gravación e os equipos disporán de 96 horas para a montaxe. O proxecto proposto deberá estar relacionado coa cidade de Ourense e a súa contorna. A obra poderá ser ficción, documental, promocional ou reportaxe. A peza desenvolvida deberá ter una duración mínima de 3 minutos e máxima de 10 minutos. As imaxes deberán ser rodadas integramente en Ourense. Un mínimo do 40% deberán gravarse nos exteriores da cidade ou na súa contorna, e a obra deberá ser en lingua galega. En caso de ser noutro idioma deberá ter subtítulos en galego.

Cada equipo terá un presuposto máximo para a realización da peza de 500 €, que poderá ser gastado nas partidas de: material técnico, atrezzo, actores, manutención, desprazamentos ou aloxamento. O Concurso está dotado cun primeiro premio de 600 € e un segundo de 200 €.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar