Feijóo mantivo unha xuntanza con expertos sanitarios

“A proporcionalidade obriga a limitar medidas ás zonas afectadas e os criterios obxectivos son os que fixa o Comité Clínico de acordo co Plan de brotes aprobado”, subliñou o titular da Xunta tras a xuntanza, recordando que, “con carácter xeral e con todas as cautelas”, no conxunto de Galicia a situación segue a ser estable, manténdose a tendencia das últimas semanas.

No tocante á evolución na Mariña, onde se localizou un brote que levou a pechar esa comarca o pasado domingo, o responsable do Executivo galego destacou que, desde o punto de vista asistencial, os cadros das 121 persoas afectadas non revisten gravidade e a inmensa maioría -o 95%- están a ser atendidos nos seus domicilios. “Tamén é moi importante que non hai incidencia nun dos puntos máis vulnerables nesta pandemia”, dixo, en alusión ás residencias de maiores.

Diante destas cifras, Feijóo aseverou que a Administración autonómica seguirá vixiando a progresión do brote para actuar en consecuencia con dúas prioridades: protexer a saúde dos veciños e reducir as posibilidades de que este se estenda a outros lugares da provincia ou a comunidades veciñas.

Logo de agradecer a colaboración da Delegación do Goberno e dos alcaldes da comarca, aos que se está a informar diariamente, Feijóo confirmou que, nos vindeiros días, a Xunta continuará coa estratexia de realizar test masivos para localizar e illar os positivos, ademais de facer un seguimento especial aos contactos máis vulnerables.

Nesta liña, precisou que se os datos e a situación epidemiolóxica reflicten unha melloría notable, o Comité clínico e a Consellería de Sanidade valorarán a posibilidade de diminuír o confinamento dos concellos, abrindo unha fase de transición para volver paulatinamente á mesma situación que hai no resto de Galicia. “O Plan de brote distingue tres zonas na comarca -a Mariña occidental, a Mariña oriental e a Mariña central- e  o Comité clínico e a Consellería de Sanidade valorarán en función do número de PCR positivas se nos próximos días podemos diminuír o número de concellos confinados”, dixo, subliñando que o 90% dos casos atópanse concentrados en 3 concellos.

Feijóo aproveitou a xuntanza para apelar novamente á responsabilidade individual de todos e cada un dos cidadáns, porque “tranquilidade non pode significar relaxación”. “Todos temos que facernos as mesmas preguntas, todos os días e en todo momento: somos suficientemente precavidos no traballo?, somos coidadosos cando vemos á familia?; recordamos as medidas de prevención cando quedamos cos amigos?”, dixo, incidindo na necesidade de ter presente sempre que cada apertura supón riscos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar