Xuntanza do Colexio de Xornalistas co candidato da Marea Galeguista, Pancho Casal

Pancho Casal, Belén Regueira e Xaime Leiro, no encontro realizado este xoves

Dentro dos contactos que se están a desenvolver coas principais forzas políticas para lles trasladar os problemas do xornalismo galego, representantes do o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia reuníronse este xoves en Santiago de Compostela co candidato á Presidencia da Xunta de Galicia da Marea Galeguista, Pancho Casal.

A vicedecana segunda do Colexio de Xornalistas, Belén Regueira Leal, e o membro da Xunta de Goberno Xaime Leiro Darriba, mantiveron este xoves unha reunión co candidato da Marea Galeguista ás vindeiras eleccións galegas, Pancho Casal, para lle trasladar as necesidades do xornalismo en Galicia. Os representantes do Colexio insistíronlle a Casal nalgúns dos asuntos da nosa profesión que requiren compromisos políticos e que  xa se lle remitiron por carta a el e ao resto de candidatos das principais forzas políticas. 

Desde a Marea Galeguista, Pancho Casal mostrouse de acordo en que é preciso que se aproben o Estatuto do Xornalista e a Lei de Garantías do Dereito á Información da Cidadanía, e mostrou a vontade do seu partido de incorporar a información da cidadanía como un dereito xeral presente na redacción do Estatuto de Autonomía. Así mesmo, salientou outras necesidades, como o cumprimento da Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, a redacción dunha Lei de Publicidade Institucional e Axudas aos Medios ou o desenvolvemento de protocolos para erradicar o machismo nos medios. Casal cualificou como «o asunto máis importante» a creación do Consello da Comunicación de Galicia, porque «arrouparía toda esta serie de iniciativas».  

O Colexio de Xornalistas solicita de todas as forzas políticas un compromiso público con medidas que garantan o libre exercicio do direito de información en Galicia. Para isto, ponse a disposición dos distintos candidatos para presentarlles de maneira presencial as reclamacións máis importantes da nosa profesión. Ademais dos encontros xa realizados con Ciudadanos e a Marea Galeguista, hoxe mesmo realizaráse un con representantes do PSdeG. 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar