O Pazo de Congresos acolle a entrega das Medallas Castelao 2020

Os galardoados este ano son Pilar Cernuda, Ana Peleteiro, Xosé Manuel Piñeiro, as Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e o grupo de música tradicional A Roda.

Televisión de Galicia transmiu en directo a entrega das Medallas Castelao entregada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Trátase dun recoñecemento da Xunta, instaurado en 1984, que pretende distinguir o labor e a traxectoria de persoas, institucións ou colectivos galegas e galegos en distintos ámbitos.

O presentador e comunicador Xosé Manuel Piñeiro, a xornalista Pilar Cernuda, a deportista Ana Peleteiro, as Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e o grupo de música tradicional A Roda son os galardoados deste ano.

Unha cerimonia que lles ofrece TVG en directo desde Santiago dentro do seu programa «A Revista Fin de Semana».

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE FEIJÓO

Autoridades,
Señoras e señores,
Galegas e galegos.
Para un pobo de proximidades coma o noso, algunhas das medidas derivadas da loita
contra a pandemia resultan especialmente difíciles. A historia do noso país é unha teima
constante contra as distancias que existían entre nós, e tamén contra as distancias entre nós
e as demais comunidades. Galicia é proximidade, achegamento, xuntanza e aperta.
As circunstancias obrigan a atenuar un pouco o noso impulso natural, pero ese
distanciamento social aínda vixente non significa que a nosa terra deba perder a cohesión
emocional. En actos coma o hoxe celebramos que esa fraternidade reafírmase arredor das
persoas e valores que consideramos un patrimonio común.
“Camiñamos sobre os ombreiros dos xigantes”. Esta fermosa frase foi utilizada polo
humanista italiano e gran amigo de Galicia, Umberto Eco. Con ese aforismo quérese
significar que o progreso do ser humano en todas as facetas imaxinables, depende moito
dos devanceiros.
A historia dos pobos é unha acumulación de experiencias que nos son legadas por eses
xigantes, e que nos permiten ter unha ollada ampla sobre o presente e o futuro. Eles son
coma mestres que en silencio nos imparten ensinanzas de gran valor para seguir
avanzando.
Os xigantes sobre os que Galicia camiña adoitan ser mulleres e homes coma nós, sometidos
moitas veces a probas moi duras. A nosa admiración cara a eles non se debe a que sempre
triunfaran, a que foran invencibles ou a que derrotaran facilmente calquera desafío. Ao
contrario. Sentímolos preto de nós porque son vulnerables e padecen situacións ingratas,
semellantes ás que padecemos. O tempo sepáranos deles; a vida aproxímanos.
A nova Galicia que rexurde coa democracia e o autogoberno, quixo situar no lugar máis alto
do seu panteón de xigantes a galegos como o que da nome a estas distincións que
outorgamos nesta cerimonia. Alfonso Rodríguez Castelao non tivo unhas vivencias fáciles.
Tócalle sufrir unha época convulsa e lamentable na que o futuro se percibe cheo de negros
augurios.


Non soamente morre no exilio xeográfico, senón mesmo nun exilio da esperanza, e malia
todo aquí está presidindo un acto no que volve a mostrarse o mellor da Galicia que el
contribuíu a crear.
Cando non é o exilio é a emigración que cantan Rosalía de Castro ou Curros Enríquez, ou a
longa noite de pedra na que resisten persoeiros coma Celso Emilio Ferreiro. Esta Galicia
que compartimos é froito de millóns de galegos que caeron e se ergueron de novo.
Nada seríamos hoxe, nada significariamos como pobo ou nacionalidade, se os que nos
precederon noutras etapas da historia dimitiran baixo o peso das crises ou penurias.
Estamos aquí porque eles decidiron que Galicia tiña que seguir camiñando.
Teño a certeza de que, dalgunha maneira inexplicable e inconsciente, o espírito deses
galegos que nunca se renderon inspirou aos nosos compatriotas nos momentos máis duros
da pandemia.
A responsabilidade, a disciplina e a solidariedade, explícanse mellor con esa axuda que sen
dúbida nos chegou do pasado, mediante a lembranza de pais, avós e familiares
desaparecidos que atravesaron momentos adversos ou de figuras do noso panteón de
xigantes. Seguro que estiveron ao noso lado, e necesitamos que o sigan estando para loitar
mellor contra as dificultades que se aveciñan.


Compartimos todos o desexo de que, cando no futuro se faga memoria destas alturas do
século XXI, se diga que esta Galicia foi quen de transformar de novo o pesadelo en soño,
igual que se fixo noutros episodios da nosa secular historia.
Nun acto festivo coma este non podemos ignorar as secuelas destes últimos meses. Moitos
galegos xa non están con nós, moitos sufriron convalecencias complexas, e todos
experimentaron a angustia do confinamento.
Houbo tamén unha Galicia que coidou de Galicia con agarimo e profesionalidade ilimitadas.
A autonomía no seu conxunto, a totalidade das administracións, formaron un compendio
eficaz cuxo único obxectivo foi a salvagarda da saúde.
O confinamento non significou illamento. Xurdiu unha nova idea de comunidade, de país,
que non precisaba a proximidade física para sentir e actuar coma un todo.
Poucas veces resultaron tan evocadoras as loubanzas de Curros Enríquez á “unión dos bos
galegos”. A Galicia soñada polo poeta na que todo “une, xunta e reconchega”, esa Galicia
fíxose presente e deberá facerse presente nas próximas etapas. En medio dun cúmulo de
hipóteses sobre o que vai suceder nos meses vindeiros, brilla a certeza de que os
acontecementos atoparán unha Galicia de fortes vencellos humanos, dotada de solidez
institucional.
A nosa fortaleza condénsanse na idea de que ningún galego ou galega é alleo para outro
galego ou galega. Todos formamos parte dunha rede de solidariedades que nos permite
avanzar máis nas conxunturas propicias, e amortiguar mellor os golpes imprevistos.
A nosa rede non é excluínte. Nunca quixemos os galegos camiñar sós pola historia, e
tampouco o queremos agora. A nosa identidade baséase na confianza en nós mesmos, e a
confianza fai que non exista receo algún na nosa relación cos demais pobos.
Demos dabondo probas solidarias durante os episodios máis agudos da pandemia, e agora
estamos ansiosos de reencontrarnos con todos os que queren compartir o noso. Por riba
dos innumerables alicientes que atesoura a Galicia anfitrioa, agora está a seguridade.


O presidente John Fitzgerald Kennedy afirmou que “as grandes crisis producen grandes
homes”. Constatámolo en Galicia coas mulleres e os homes que asumen as súas
responsabilidades sabedores de que o seu país agarda o mellor que poidan dar.
De pouco valerían os grandes liderados sen as pequenas fazañas cotiás dos galegos e
galegas descoñecidos pero que merecen ser recoñecidos. Permítanme as persoas e
entidades distinguidas coas Medallas Castelao deste ano, que renda homenaxe ao conxunto
dos galegos. Todos acreditan nestes tempos do coronavirus méritos sobrados para lucir a
distinción.
Señoras e señores. Non sabemos cando nin onde a humanidade descubriu a roda, pero
ningún galego ignora que a música de A Roda naceu entre nós hai máis de corenta anos. O
xermolo das súas cancións está nas tabernas, eses parlamentos espontáneos espallados
pola nosa xeografía. Nelas xorden cancións que se converten en himnos populares que
interpretamos xuntos, e que nos fan sentir máis xuntos. Hai moitos factores de unión neste
fogar de Breogán; un deles é o traballo destes excelentes músicos.
Se alguén se pregunta como foi que a Ruta Xacobea adquire esta dimensión universal que
convirte a Compostela e Galicia nun dos centros de atracción cultural e espiritual máis
intensos do mundo, atopará unha resposta nas Asociacións de Amigos do Camiño de
Santiago. Conservan, difunden e atenden. Atenden aos peregrinos, difunden os valores
xacobeos e colaboran na conservación acaída da ruta. Son copartícipes nunha milagre que
fai dos galegos o pobo hospitalario por excelencia.
Pilar Cernuda é unha xornalista importante polo que escribe e polo que non escribe. Como
político, gustaríame poder ler nalgún momento os datos e claves que ela garda no seu
conxelador profesional, á espera de elementos que confirmen ou completen algunha
información. Xornalista, muller, galega, minuciosa, rigorosa, Pilar Cernuda observa o que
pasa nun mundo político non sempre coherente, e case nunca sinxelo. Entendo que ser
galega a capacita mellor para entender a complexidade.
Hai dúas acepcións do Supermartes. Trátase do gran día das eleccións primarias nos
Estados Unidos, pero sobre todo é un dos programas que máis galegos reuniron en torno á
televisión. O artífice do Supermartes galego é un comunicador que fixo da empatía un selo
persoal. Para os espectadores do noso país, Xosé Manuel Piñeiro é alguén da casa que
nalgún momento podería atravesar a pantalla e sentarse no salón de calquera fogar galego.
Fai televisión de proximidade nunha Galicia de proximidade.
Cando antes me refería a eses xigantes sobre os que camiñamos, quizais Ana Peleteiro
pensou na súa avoa. Unha avoa que coñeceu todas as penalidades, que viviu na Galicia
máis lóbrega e que ademais calou todas as súas desgrazas coma se fosen algo natural que


se leva en silencio. Hoxe a súa neta é unha campioa admirada en todo o mundo, que pasea
por todas as pistas as bandeiras dunha Galicia e dunha España moi diferentes. Hai moitas
avoas así na nosa historia, e moitas biografías familiares que cambian o seu destino para
acadar outro tipo de campionatos. As medallas que luce Ana Peleteiro son una
consecuencia de entrenamentos agotadores, dunha fe constante no triunfo, e tamén o
resultado do traballo de avoas, nais e pais como a súa.
Señoras e señores. Galicia é un corazón que non se para, unha alma compartida e un
destino do que non debemos apartarnos. Nunha pasaxe da Ilíada, Homero menospreza os
malos augurios e advirte que “non hai mellor profecía que loitar pola nosa patria”.
Certamente non proliferan nestes días os bos augurios sobre o futuro económico do mundo
no que estamos. Sen embargo esa loita polo noso país segue estando nas nosas mans.
Dicir que os galegos cumprirán co seu deber e serán teimosos na defensa das súas
demandas, non é unha profecía senón unha certeza. Unha certeza que hoxe se incrementa
grazas aos premiados, grazas ás mulleres, homes e institucións e ao que representan.


Parabéns e grazas a todos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar