A revista Raigame homenaxea á Xeración Nós no seu centenario

O nº 44 desta publicación estuda diferentes contidos da revista Nós como a prehistoria, a etnografía e o folclore, a súa relación con Ourense, a estética de Nós, a política, o papel da muller naquela época, a narrativa, a educación e as preocupacións lingüísticas

Manuel Baltar dixo que se trata dunha publicación vencellada á “propia esencia de Ourense, ao ADN da nosa cultura, á aposta permanente desta Deputación, á tradición e a alma deste pobo, así como ao nacemento e berce do pensamento galeguista”

Este número da revista Raigame decidiuse que fora “integramente, unha homenaxe a Nós, polo que felicito a revista Raigame por singularizar o papel de Nós e a escolla dos nove artigos que compoñen este número converténdoo nunha edición imprescindible que abrangue as últimas perspectivas que van desde o estético, o xurídico e pasando polo lingüístico”, salientou Baltar.

Así mesmo, o presidente do goberno provincial agradeceu aos autores dos artigos que compoñen o número 44 da revista Raigame por poñer a disposición de Ourense unha publicación que “revaloriza o papel de Nós, un movemento político e cultural que nunca debemos esquecer e que sempre debe presidir calquera das nosas accións sexan políticas, públicas e mesmo privadas, porque responden a un colectivo que naceu do pobo recollendo reivindicacións e pensamentos sociais”.

Pola súa parte, Xulio Fernández Senra explicou que nesta ocasión, cando decidiron dedicar este número á Xeración Nós, déronse conta que os colaboradores e membros desta xeración eran xa coñecidos e a súa obra estaba divulgada, polo que decidiron que nesta publicación se debía afondar nos contidos da revista Nós recollendo así diferentes apartados para ofrecer “unha visión xeral e ampla”. Algúns dos contidos que se trataron en Nós e que recolle este número da revista Raigame son: o tema da prehistoria, a etnografía e o folclore, Ourense como cerne tamén ten un espazo na publicación, o tema político, a estética de Nós, o papel da muller na época da revista Nós, a narrativa, a educación e as preocupacións lingüísticas da revista Nós.

Ademais, o director da publicación lembrou que no nº 1 da revista Raigame, no ano 1995, coincidindo co 75 aniversario da revista Nós, “tivemos a sorte e honra de contar con colaboradores que no seu tempo tamén colaboraran coa revista Nós, como Antón Fraguas, Francisco Fernández del Riego, Isaac Díaz Pardo, que aínda que non pertenceu á Xeración Nós, era fillo e continuador da obra de Camilo Díaz Baliño”.

O monográfico editado pola Deputación de Ourense será distribuído por centros culturais, bibliotecas, centros sociais, arquivos, centros de estudo, concellos, centros o, e os interesados en conseguila poderán solicitala no departamento de publicacións na Deputación de Ourense ou no Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo”. “A revista é gratuíta e distribúese ata que se esgote”, lembrou Xulio Fernández Senra, quen dixo que se trata de que a revista “se espalle ao máximo, sobre todo, entre as entidades e persoas que teñen un interese específico sobre o tema”.

Transparencia

Ademais, o presidente da Deputación de Ourense anunciou que a partir de hoxe serán retransmitidas a través da web da institución tódalas comparecencias que se desenvolvan na sala de prensa do Pazo Provincial afirmando que se trata de “un paso máis na transparencia da que vimos facendo gala e que nos coloca como goberno provincial máis transparente de España”. O obxectivo desta nova medida é “compartir tódalas cuestións que suscitan a novidade informativa e que desde esta sala se van a facer en tempo real para calquera que queira achegarse a nosa realidade”, engadiu Baltar.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar