Turismo de Galicia e a Federación de Hostalaría de Pontevedra asinan un convenio

O conselleiro de Cultura e Turismo e o presidente de Feprohos, César Ballesteros, selaron hoxe en Vigo o acordo que contará cun importe total de 150.000 euros En virtude do mesmo, ofreceranse 120 accións formativas en materia de seguridade e hixiene e habilitarase un servizo de consultaría personalizado.  Este acordo enmárcase no programa Galicia destino seguro.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente da Federación provincial de Empresarios de Hostalaría de Pontevedra (Feprohos), César Ballesteros, asinaron un convenio de colaboración para reforzar a formación e o asesoramento en materia hixiénico-sanitaria por parte das empresas do sector de toda a provincia. Fixérono tras unha visita á oficina de turismo de Vigo, que hoxe retomou a súa actividade tras adaptar as súas instalacións ás medidas contra a covid-19.

O acordo, aprobado no Consello da Xunta, contempla a realización de 120 accións formativas online en materia de seguridade e hixiene que contarán con capacidade para 12.000 prazas. Ademais, inclúe a posta en marcha dun servizo de consultaría telemática personalizado para todas as empresas da provincia que, froito destas sesións formativas, queiran perfeccionar a adaptación do seus establecementos aos requirimentos de seguridade para evitar a propagación da covid-19. En virtude deste acordo poderán beneficiarse todas as empresas do sector, con independencia de que estean ou non asociados.

O convenio enmárcase o programa Galicia destino seguro, que conta cunha dotación global de 8M€ para impulsar a nosa Comunidade como un destino fiable e de calidade a través de accións de apoio ás empresas, información, formación e asesoramento. Precisamente, no eido formativo, recóllese a sinatura coas catro asociacións provinciais de hostalaría e restauración por un importe total de 500.000 euros para desenvolver preto de 400 accións de formación online con capacidade para 40.000 prazas en materia hixiénico sanitaria. Trátase dunhas accións formativas que se complementan coas impulsada polo Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG) ata chegar a un total de 500 cursos con capacidade para 50.000 prazas.

Reapertura da oficina de turismo

O conselleiro de Cultura de Turismo e o presidente da Federación provincial de Empresarios de Hostalaría de Pontevedra asinaron este convenio de colaboración tras realizar unha visita á oficina de Turismo de Vigo de titularidade autonómica, situada na rúa Cánovas del Castillo, que volveu abrir as súas portas tras adaptar as súas instalacións ás medidas contra a covid-19, ao igual que outros sete establecementos xestionados pola Xunta nas cidades galegas. “Trátase dunha das oficinas cun maior volume de visitas, preto de 50.000 cada ano, e é fundamental garantir a máxima confianza hixiénico-sanitaria para que a súa actividade se poida desenvolver con total normalidade”, explicou Román Rodríguez.

Entre as medidas introducidas para garantir a seguridade de usuarios e traballadores destaca a eliminación do autoservizo de folletos turísticos por parte do cliente para evitar a súa manipulación. Así pois, este tipo de materiais serán facilitados por parte do persoal das oficinas, non se poderán compartir e unha vez entregados non se devolverán. Do mesmo xeito, fomentarase o uso de canles dixitais para facilitar a información aos usuarios, facilitando materiais e documentos en formato electrónico a través de formatos como os códigos QR.

Ademais, os visitantes deberán permanecer na oficina o tempo estritamente necesario para recibir a atención precisa e non se poderán empregar dispositivos como pantallas táctiles ou outros equipamentos de uso compartido a non ser que se asegure a dispoñibilidade de medios para o seu uso seguro.

Dentro das instalacións será obrigatorio o uso de máscaras cando non se poida garantir a distancia de seguridade entre os traballadores e os usuarios. Ademais, naqueles casos nos que non resulta posible manter esta distancia na atención ao público instaláronse elementos de protección ou barreiras como pantallas de metacrilato.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar