ABANCA subscribe os Principios para un Océano Sostible de Nacións Unidas

ABANCA converteuse na primeira entidade financeira española en adherirse aos Principios para un Océano Sostible, unha iniciativa da Rede de Pacto Mundial de Nacións Unidas que constitúe un marco de boas prácticas comerciais responsables cos océanos, común para todo tipo de sectores empresariais e xeografías. O banco, a través da Dirección Xeral de RSC, Sostibilidade e Comunicación, fai público este compromiso coincidindo coa celebración do Día Mundial dos Océanos o 8 de xuño.

Con esta acción, ABANCA recoñece a urxencia e a importancia de adoptar medidas a escala mundial que promovan o benestar do océano, co fin de conservar a súa riqueza na actualidade e o futuro, e comprométese a traballar neste sentido dentro do seu ámbito de actuación. O banco únese así a unha coalición de 63 entidades de todo o mundo, 21 delas españolas, procedentes de diferentes sectores da economía, que comparten esta preocupación.

No marco deste compromiso coa acción climática e a saúde dos océanos, ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, iniciaron o luns 1 de xuño o programa «Comprometidos co Medio e os Océanos». Esta iniciativa, que se estenderá ao longo de todo o mes con numerosas actividades dirixidas a todos os públicos, entre elas a exposición virtual «O mar nas coleccións de ABANCA e Afundación», ten como obxectivo concienciar e sensibilizar tanto á cidadanía como ás empresas sobre a necesidade de actuar para alcanzar os ODS 13, «Acción polo clima», e ODS 14, «Vida submarina».

Principios para un Océano Sostible

Os nove Principios para un Océano Sostible, desenvolvidos pola Rede de Pacto Mundial de Nacións Unidas, presentáronse o 22 de outubro de 2019 coa firma e adhesión de 30 compañías e investidores institucionais. Complementan os dez Principios do Pacto Mundial sobre dereitos humanos, traballo, medio ambiente e loita contra a corrupción, e constitúen un paso máis na contribución ao logro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible establecidos na Axenda 2030, un plan de acción que busca mellorar a vida das xeracións futuras dunha maneira sostible.

No caso dos océanos, a evidencia científica indica que a súa saúde se está deteriorando debido ao aumento das temperaturas, a acidificación, o esgotamento dos recursos naturais e a contaminación dos ecosistemas terrestres e o mar. Ao subscribir este nove Principios, ABANCA materializa o seu compromiso para actuar naqueles ámbitos onde a súa contribución poida ser máis relevante, sen esquecer que o impacto das súas accións e responsabilidade son, hoxe en día, globais.

Precisamente, a maior influencia do banco en relación ao desenvolvemento sostible atópase na costa atlántica, onde se concentra o núcleo do seu negocio. Por este motivo, a entidade marcouse como obxectivo prioritario o ODS 14 «Vida Submarina», orientado a protexer e restaurar a saúde do océano.

Apoio financeiro, investimento responsable e acción social

ABANCA conta desde 2016 coa unidade especializada ABANCA Mar, a través da cal canaliza a súa colaboración coas organizacións de referencia no ámbito pesqueiro e conserveiro. O banco mantén acordos estables coa Confederación Española de Pesca (CEPESCA), as confrarías galegas ou asociacións sectoriais como ANFACO ou ARVI, entre moitas outras, e apoia eventos fundamentais para o sector como Conxemar, a Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados que se celebra anualmente en Vigo.

ABANCA Mar centraliza tamén o apoio financeiro do banco ás empresas do sector, co que contribúe ao crecemento e internacionalización destes negocios e a facer realidade os seus proxectos vinculados á sostibilidade. O exemplo máis destacado é o plan de financiamento da renovación da frota pesqueira, que implica dotar ás armadoras de barcos máis sensibles en materia de impacto ambiental, e máis eficientes nas capturas. Outras actuacións neste sentido son os investimentos en eficiencia enerxética das instalacións, a mellora na xestión das lonxas ou a implantación de novas tecnoloxías orientadas a valorizar os produtos pesqueiros e a súa trazabilidade, que contribúen á protección e recuperación da biodiversidade mariña e o fomento da sensibilización ambiental.

No ámbito do investimento, as carteiras sustentables Alpha Responsable e Alpha Exponential Future contan con fondos vinculados á auga. En concreto, Thematics Water céntrase en toda a cadea de valor da auga e dentro da súa carteira atópanse compañías dedicadas á xestión e procesamento de residuos sólidos, con tratamento, reciclaxe e xestión de augas residuais, cuxa actividade incide directamente na calidade da auga do mar.

Ademais, a preocupación do banco pola saúde dos océanos ten reflexo na súa acción social. A través do seu programa de voluntariado corporativo «Traballando pola mellora do patrimonio natural», a entidade intensificou nos últimos meses as acciones de limpeza en espazos costeiros galegos de especial interese medioambiental, e dentro do seu programa de educación financeira, organizou xornadas de formación para colectivos como as mulleres traballadoras do sector pesqueiro.

Compromiso coa sostibilidade

A adhesión de ABANCA aos Principios para un Océano Sostible supón un paso máis no compromiso da entidade coa sostibilidade e a acción polo clima. En setembro de 2019, o banco converteuse nun dos Signatarios fundadores dos Principios de Banca Responsable de UNEP-FI e asinou o Compromiso colectivo para a Acción Climática. Ademais, o pasado 20 de maio foi a primeira entidade financeira española en adherirse aos Principios de Investimento Responsable de Nacións Unidas

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar