O Pazo dos Deportes «Paco Paz» de Ourense reabre as suas instalacións

O Pazo dos Deportes “Paco Paz” reabre o vindeiro luns as súas instalacións, coincidindo coa entrada da provincia de Ourense na fase 3 da desescalada do COVID-19. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou este complexo deportivo, o maior da provincia, para supervisar os equipamentos e a posta a punto de todas as infraestruturas, afirmando que o “Paco Paz volve recuperar a súa normalidade para seguir poñendo a disposición da veciñanza de Ourense unhas instalacións de tanto prestixio, tan ben xestionadas e tan ben avaliadas polos usuarios”, expresou o presidente.

Baltar constatou o cumprimento do protocolo de prevención do COVID-19 e das condicións hixiénico-sanitarias que se levan a cabo para que o centro deportivo máis importante da provincia de Ourense abra as súas portas unha vez que Galicia entre na fase 3, “para que as persoas que queiran realizar as prácticas deportivas poidan facelas con total seguridade nestas instalacións, que contan con máis de mil socios. Para elo, desde a Deputación de Ourense, por medio dos técnicos correspondentes, planificáronse os protocolos, a reubicación da maquinaria, o acondicionamento das salas específicas e a coordinación da limpeza inmediata das máquinas, a cal se efectuará logo de cada uso”, explica o presidente.

Ademais, existirá un control de acceso para verificar a temperatura de cada asistente, que recibirá por medio dos monitores e do persoal especializado unha atención directa e personalizada, como xa é habitual, ao que se engaden, dado o novo escenario, “as máximas precaucións e as distancias necesarias para evitar riscos e gardar os protocolos de seguridade, e para que todas as persoas que fan deporte nas instalacións da Deputación de Ourense o fagan con total garantía”, afirma Manuel Baltar.

O presidente, acompañado polo xerente do Pazo dos Deportes, Ángel Cid; polo responsable das instalacións, José Domarco, e polo asesor de Deportes, Bernardino Gonzlaéz, percorreu o espazo deportivo e supervisou os equipamentos tecnolóxicos cos que conta o pavillón, comprobando o perfecto estado no que se atopan as instalacións para a súa reapertura, “co obxectivo de que a partires do luns volvan estar ao servizo da veciñanza de Ourense”, salientou Baltar.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar