A Casa-Museo de Rosalía volve abrir o vindeiro martes 2 de xuño

A Casa-Museo de Rosalía de Castro volve a abrir as súas portas o vindeiro martes 2 de xuño logo de máis de dous meses pechada por mor da crise da Covid 19. A Fundación que leva o nome da poeta está a ultimar nestes momentos todas as medidas de seguridade e de hixiene precisas, que suporán unha redución do aforo e algúns outros cambios que pasamos a debullar. 

A Casa-Museo regresa co seu horario habitual (de 10 a 13.30 horas e de 16 a 19 horas; domingos e festivos de 10 a 13.30; luns pechados), aínda que non se realizarán polo momento visitas de grupos escolares nin colectivos de adultos, polo que tampouco haberá visitas guiadas. Todas as instalacións serán desinfectadas diariamente.

Si se admitirá a visita en grupo dun mesmo núcleo familiar de convivencia, ata un máximo de cinco persoas (recomendamos a reserva no mail fundacion@rosaliadecastro.gal). Nas restantes visitas establécese un máximo de tres persoas por sala, incluída a recepción, e un total de 21 persoas no interior. O percorrido pola Casa-Museo estará regulado e guiado por marcadores de distancia e indicadores.

As persoas que nos visiten deberán facer uso de máscaras, gardar as distancias de seguridade e facer uso do xel hidroalcohólico na recepción. Non estará permitido tocar ningún obxecto ou moble do interior.

Visitas anuais

A Casa-Museo de Rosalía de Castro recibiu o pasado ano 22.463 visitas, o que supón un incremento acumulado do 259% desde 2012. Lembramos que estas instalacións están xestionadas pola Fundación Rosalía de Castro, unha entidade privada sen ánimo de lucro, que ten unha taxa de autofinanciamento do 45% (2019, que evoluciona desde un 20% en 2012), cifra considerable na nosa contorna cultural, polo que esta crise provocada pola Covid 19 supón un golpe importante, ao igual que para a maioría de empresas e traballadoras deste país.  

Esta Fundación puxo en marcha a finais do pasado ano unha campaña de subscrición popular para implicar a empresas, entidades públicas e persoas individuais na mellora e no sostemento da causa común da Casa da Matanza, “que é a causa común de Galicia”, en palabras do seu presidente Anxo Angueira.

Vídeo “Faite Amiga/o da Casa de Rosalía”: https://youtu.be/4_rxqF4mGDI

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar