A central ABANCA prepara sistemas dixitais de preinscrición e difusión de resultados para a súa volta á actividade

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA ultima estes días diversos sistemas telemáticos que poñerá en marcha tan pronto retome a súa actividade. Estes teñen como fin evitar aglomeracións mentres dure a crise sanitaria do covid-19 e, nalgún caso, terán carácter permanente cando se volva á normalidade para axilizar o traballo do mercado.

Así, mentres o esixa a situación xerada polo coronavirus, todos os usuarios da Central (gandeiros, transportistas e tratantes) deberán preinscribir os animais que levarán ao recinto ata o venres anterior á poxa. Para iso, terán que comunicar o número de reses que van introducir a través dalgún dos catro medios habilitados para tal efecto: un formulario incluído na web da Central, o correo info@centralagropecuariadegalicia.es, o número de whatsapp 673.798.315 ou a aplicación  TokApp, para cuxa instalación dispoñerán dunha guía na páxina web do mercado.

O número de reses que pode introducir cada usuario establecerase, no caso de  tratantes e transportistas, segundo os límites de cotas determinadas previamente para eles, os cales se calcularon segundo a media de animais que introduciron ata o de agora. En canto a gandeiros particulares, poderán introducir reses ata que se alcance a capacidade fixada para a Central. En caso de alcanzarse terase en conta a data e hora de solicitude, fixándose como límite as 12.00 horas do venres anterior á poxa. Antes das 15.00 horas dese mesmo día darase resposta e os gandeiros cuxa solicitude fose denegada poderán requirir nese momento manter a preinscrición para a semana seguinte.

Neste sentido, e co obxecto de non acumular un excesivo número de animais, mentres non se normalice a situación a Central fixará un número máximo de 1.320 cabezas de gando por sesión, dos cales 800 serán becerros de recría, 170 becerros carniceiros e 350 vacas.

Por outra banda, o mercado introducirá un sistema telemático para comunicar aos usuarios os resultados de cada poxa en tempo real sen que estes acudan ao recinto. Tamén pretende evitar a concentración de asistentes na sala de poxas durante esta crise sanitaria, pero ademais, co obxectivo de axilizar o mercado, implantarase con carácter permanente e como substituto das poxas cantadas con soporte de vídeo que viñan sendo habituais. Este sistema contará con dous medios para a difusión dos resultados das poxas da Central, a súa web e a aplicación TokApp.

No caso das vacas e cebados publicarase a totalidade da poxa, mentres que no dos becerros de recría publicarase en lotes de cen. Os vendedores dispoñerán de 15 minutos desde a hora da publicación da lista para, a través destes dous medios, presentar alegacións ou rexeitar o prezo, aínda que nestes casos tamén poderán facelo na sala de poxas. Mentres dure a crise sanitaria será por quendas e entrando unha única persoa.

A estes cambios na Central Agropecuaria de Galicia ABANCA tamén se engadirán modificacións nos horarios, tanto de recepción de animais e de documentación sanitaria como de inspección e valoración das reses de cada categoría. En canto á entrada de gando, a partir de agora realizarase entre as 15.00 horas do luns e as 02.00 horas do martes, non admitíndose a recepción de reses fóra deste horario.

Todas estas modificacións realizadas na Central tanto con carácter temporal como permanente poden consultarse en detalle na web da Central.

Medidas de seguridade

Ademais da implantación destes sistemas telemáticos, que teñen como fin evitar as concentracións tanto de animais como de usuarios no recinto, a Central estableceu outras medidas destinadas a garantir a seguridade de traballadores e asistentes cando poida retomar a súa actividade.

Así, todos os traballadores contarán cun equipo propio composto por xel  hidroalcohólico, luvas e máscaras. Ademais, todos os usuarios dispoñerán de  dispensadores de xel en distintas zonas do recinto e alfombras desinfectantes nas entradas das naves e da oficina de administración.

Por outra banda, colocáronse carteis lembrando as distancias mínimas, recomendando o uso de máscara e luvas e comunicando a existencia de xel ao dispor dos asistentes. Información que tamén se repetirá por megafonía de forma continuada.

A todo iso súmase a instalación de mamparas nas zonas de atención ao público e o reforzo da limpeza en todas as instalacións.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar