Xa está dispoñíbel na web da Catedral de Santiago o catálogo dixital dos seus tesouros

O Museo da Catedral de Santiago presentou estes días o seu catálogo dixital, dispoñíbel dende xa na súa páxina web. O proxecto, enmarcado no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia é o froito de intensos meses de traballo adaptando aos novos formatos de consulta, acubillo e divulgación o rico patrimonio cultural e as coleccións artísticas da entidade compostelá. Trátase da primeira fase dun proxecto máis amplo que ten un dobre obxectivo: en primeiro lugar, contar con recursos dixitais para a documentación e conservación das pezas e, en segundo, mellorar a difusión e o acceso do público a estas obras de arte, algunhas delas, sinala a Fundación da Catedral, “claves na historia e arte de Galicia”.


Deste xeito, dixitalizáronse 75 recursos patrimoniais da catedral de Santiago, entre eles algúns tan senlleiros como o parteluz do Pórtico da Gloria, o conxunto de sepulcros do Panteón Real, o fondo de escultura románica, os restos arquitectónicos e escultóricos da fachada exterior do Pórtico da Gloria ou do Coro pétreo do Mestre Mateo, ou as pezas máis destacadas do tesouro.


Para o devandito, segundo a tipoloxía de cada peza a tratar empregáronse distintas técnicas como a fotogrametría ou o escáner, uns traballos que desenvolveu a empresa galega Margen Fotografía. Segundo informaron os responsábeis do museo, o fondo dixital ficará almacenado nun acubillo instalado na propia institución e que será, nas súas palabras, “unha verdadeira cápsula dixital da memoria cultural da Catedral de Santiago”.
Por outra banda, os datos gráficos obtidos serviron para procesar as imaxes e pór este fondo dixital ao servizo do público, a través de modelos 3D interactivos, vídeos, fotografías e outros recursos que, xunto con textos explicativos, estarán dispoñíbeis gratuitamente en dispositivos instalados nas propias salas do museo e, tamén, nunha nova web accesíbel desde a propia páxina da catedral de Santiago (www.catedraldesantiago.es). Todos estes contidos poderán consultarse en galego, castelán e inglés.


En palabras da institución, grazas a estes traballos “o público poderá mergullarse, desde perspectivas e materiais diversos, nas fachadas da catedral románica, no altar do arcebispo Xelmírez, nos últimos tempos da escultura románica compostelá, no proxecto do Mestre Mateo co Pórtico da Gloria, na súa desaparecida fachada exterior e no perdido coro pétreo”.

Tamén poderá coñecer a importancia que tivo a catedral como templo nacional dos reis de Galicia; e, por fin, saber da importancia que, desde época medieval, tiveron as peregrinacións a Santiago e o culto ás reliquias, que “deron lugar a importantes ofrendas e doazóns”.
Trátase dun “proxecto multidisciplinar”, de aplicación das novas tecnoloxías ao patrimonio cultural, no que participaron historiadores da arte, informáticos, fotógrafos, deseñadores dixitais, etc. impulsado pola Fundación Catedral de Santiago e que contou coa colaboración da Xunta de Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar