Unidade, lealdade e transparencia

El Progreso de Lugo

Vivimos unha situación dramática, atravesamos a peor crise sanitaria da historia recente de España, con miles de mortos; por iso, antes que nada, gustaríame aproveitar este espazo para mandarlle unha aperta a todas aquelas familias que perderon algún ser querido como consecuencia do coronavirus. 

É máis ca nunca o momento da responsabilidade. Os cidadáns encaramos a cuarta semana de confinamento e, maioritariamente, estamos cumprindo coa nosa obriga para facer fronte ao virus. Por iso o Goberno debe ser tamén responsable e actuar con transparencia. Non pode pedir unidade ao resto das forzas políticas se non actúa con transparencia. Os cidadáns temos dereito a coñecer a verdade. 

En Galicia, a Xunta actuou con transparencia dende o inicio da crise. Somos a comunidade que ten a menor taxa de mortaldade e iso débese, en boa parte, á anticipación da Xunta, que tomou medidas antes incluso de que o fixera o Goberno central e continúa realizado probas diagnósticas PCR; de feito, somos a autonomía onde máis test se realizan. 

A Coruña e Santiago prepáranse con dous hospitais de campaña por se as camas dos centros públicos e privados non fosen suficientes

A Coruña e Santiago prepáranse con dous hospitais de campaña por se as camas dos centros públicos e privados non fosen suficientes. Abril será peor ca marzo, xa o anticipou Alberto Núñez Feijóo, pero Galicia non deixará de loitar contra a pandemia coa confianza e a certeza  de que todos xuntos o superaremos. 

Pedro Sánchez retiroulle a Galicia 100 millóns de euros dos fondos de formación de emprego, un diñeiro imprescindible para a redución do paro na nosa comunidade. Ademais enviounos material para afrontar menos de dous dos vinte días que levamos en estado de alarma, esta é a realidade. A gran parte dos equipos de protección que chegan á nosa comunidade proceden de compras directas da Xunta que xa repartiu material a todos e cada un dos 313 concellos de Galicia. 

Esta é a vía para vencer ao coronavirus, a cooperación. Cooperación con todas as institucións e transparencia institucional e social. E isto tamén o está a facer o Goberno galego, que compareceu tres veces no Parlamento en menos dunha semana e que segue aceptando, como é lóxico, as preguntas dos xornalistas en todas as conferencias de prensa. 

Este é o camiño e xuntos seguiremos percorréndoo, con responsabilidade e solidariedade para saír desta crise sanitaria e económica. Xuntos, como sempre o fixemos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar