Baltar visita as localizacións da rodaxe de Luarada, proxecto audiovisual sobre a vida de Romasanta

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou en Melón Baixo (Esgos) as localizacións onde se está a rodar o proxecto audiovisual Luarada sobre a historia de Manuel Blanco Romasanta, que se presentará na vindeira edición do Ourense Film Festival (OUFF).

O filme ten como obxectivo achegarse á figura do coñecido Lobisome, Manuel Blanco Romasanta, coa máxima fildelidade e logo dunha fonda tarefa de investigación histórica, etnográfica e psicolóxica. Luarada, dirixida por Óscar Doviso e coproducida polo propio realizador e por José Frieira, e interpretada por Marcos Vázquez, narra a historia do maior asasino en serie documentada en España, acontecida na Galicia rural de mediados do século XIX.

Manuel Baltar destaca que a Deputación de Ourense “aposta fondamente desde hai tempo pola produción audiovisual na nosa provincia. Asumir a organización do Festival de Ourense, que neste 2020 cumpre a súa vixésimo quinta edición, é un fito importante e proba da nosa capacidade organizativa, e aí está como exemplo o resultado da edición anterior, a de máis éxito na historia do festival”. “En paralelo -afirma Baltar-, axudar a producir audiovisual no noso territorio, sexan películas de longa duración, curtametraxes ou series, é un obxectivo desa futura Ourense Film Commission que estamos a constituír, crendo que esta provincia é un incrible escenario para calquera tipo de produción audiovisual”.

“Neste contexto, a obra Luarada, fai xustiza a esa personaxe e creo que vai a superar en calidade, en intensidade e en autenticidade aos outros filmes que tiveron como protagonista a Manuel Blanco Romasanta”, destacou o presidente do goberno provincial, salientando que esta versión “estase a rodar por xente de Ourense, cunha produtora como Zinemusik e ademais en escenarios reais de Romasanta”.

Manuel Baltar comenta que o proxecto conta co apoio da Deputación de Ourense e que a rodaxe que se está a rematar estes días nesta contorna de Esgos, “culminará cunha curta que se estreará no OUFF e que forma parte dun proceso máis ambicioso que é unha longametraxe á que se incorporará como parte dela o que se está a producir estes días neste concello ourensán”.

“Toda a produción xira ao redor de corenta persoas, que están a traballar estes días cunha meteoroloxía moi boa para os efectos que se pretenden conseguir na gran pantalla -explica Baltar-, e hoxe foi gratificante asistir in situ a esas gravacións, compartir uns momentos cos membros da produción e co reparto e salientar unha vez máis a aposta firme da Deputación por posicionar o noso audiovisual e, de paso, vender o atractivo que ten o noso territorio desde todos os puntos de vista, incluído o turístico”.

A historia de “Luarada” comeza en 1845, cando Manuel Blanco Romasanta chega a Galicia procedente de Castela, e remarca a boa aceptación que tivo por parte do pobo, debido a súa colaboración e integración nas tarefas sociais e relixiosas, unha circunstancia que en pouco tempo mudará para convertese en tráxica.

O equipo artístico do filme está integrado por: Marcos Vázquez, Helen Bertels, Patxi Bisquert, Héctor Martínez, Candela López, José Manuel Mao e Lucía Rodríguez, sendo o guion de Oscar Doviso, Ollala Moreiras e David Caride, e a produción de Oscar Doviso, José Freiría e Marcos Vázquez.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar