A Academia outorga ao proxeccionista do CGAI José María Rodríguez Armada, Chema

A Academia Galega do Audiovisual decidiu homenaxear co Premio de Honra Fernando Rey de 2020 ao proxeccionista do CGAI-Filmoteca de Galicia José María Rodríguez Armada, Chema. Para varias xeracións de profesionais do sector, o mero título de proxeccionista quédase pequeno cando se fala de Chema, unha figura fundamental na estrutura do CGAI, onde realiza labores de restauración, conservación e divulgación do noso patrimonio audiovisual. Recibirá o galardón na Gala dos Premios Mestre Mateo, o vindeiro 7 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña. 
José María Rodríguez Armada «Chema» na cabina de proxeccións do CGAI. Fotografía de José Vázquez Caruncho.
Despois de pasar a súa infancia en Francia, como fillo de emigrantes, pasou a adolescencia en Cariño. Afeccionado ao cine desde sempre, foi entón cando xermolou a súa cinefilia nos cines La Solana ou Gran Vía “con películas de Bud Spencer e Terence Hill, Pajares e Esteso, Juan Piquer Simón, e outros moitos”. 

Chegou ao CGAI como alumno en prácticas da EIS de Someso “como diría Groucho Marx, saín da nada e conseguín chegar aos máis altos cumios da miseria” di entre risas. E alí, a pesar da súa dilatada traxectoria segue a considerar un fito “calquera presentación, coloquio ou seminario, porque non contaba con ter coñecido a tanta xente como pasou pola nosa sala estando eu de proxeccionista”. 

De todos estes anos, atesoura momentos como “proxectar El sol del membrillo con Víctor Erice na sala, unha mesa redonda co mesmo Víctor Erice e José Luis Guerín, a proxección de En construcción, penso que nunca tanta xente houbo facendo cola no hall da Casa da Cultura Salvador de Madariaga, o primeiro Seminario-Taller de Archivos Fílmicos que se fixo fóra das instalacións de Filmoteca Española foi na sala do CGAI, ter coñecido a Arthur Penn, Berlanga, Borau, John Malkovich, Manoel de Oliveira, á bisneta de Mélies, etcétera, etcétera, etcétera”. Melómano confeso, lembra tamén con agarimo unha sesión organizada polo CGAI fóra do CGAI: Tom Verlaine e Jimmy Rip acompañando coa súa música imaxes de Maya Deren e outros cineastas na sala Capitol de Santiago”.

As súas tarefas do día a día, que inclúen atender a profesionais, investigadores e estudantes que desexan “consultar o arquivo de imaxes históricas; tentar construir un arquivo no que se conserve a maior parte do noso patrimonio fílmico e tentar de recuperar e restaurar o que se poida cos medios que temos; e claro, dixitalizalo, nestes tempos é a palabra máxica, a dixitalización, para facilitar o acceso e a conservación”. Todo iso sen desatender as proxeccións  que se levan a cabo na sala de martes a sábado.

¿Qué supón recibir o Premio de Honra Fernando Rey para alguén afeito a traballar discretamente entre bastidores? “Síntome halagado porque teñades pensado nun proxeccionista, xa que é raro que alguén teña en conta os moitos oficios fóra dos focos que tamén teñen relación coa industria audiovisual” para rematar, recoñecendo con modestia “non sei se merezo tanto premio”. 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar