Galeusca

                        Que diante das eleccións do País Vasco Galicia se acomode á mesma data, fíxome lembrar a idea de Galeusca, aínda que ningún especialista do tema atope ningunha relación.

                        Xorde a idea en 1923 para xuntar os anacos de España con máis personalidade propia, reivindicando especificidades, asinando por Galicia Vicente Risco. Volvería soar en 1941 desde Arxentina, nas voces de Alonso Ríos e Castelao.

                        Entre nós, durante décadas entendemos que se podía falar con Cataluña, xa que o País Vasco, sometido a Eta, non tiña a máis mínima afinidade con este país. E en Cataluña si se apreciaba unha certa afinidade, tendo en conta o carácter pacífico do noso nacionalismo, que nalgún momento coidamos parello ao catalán, pacificado grazas a incontables aportacións económicas, logrando alí con diñeiro o que aquí nos ven de fábrica. Por algo falou Miguel Hernández dos “Gallegos de lluvia y calma”.

                        Pero o País Vasco recuperou colectivamente a cordura, mentras os cataláns optaron pola confrontación. E aproveitar desde aquí a data vasca para nós votar, soa ben por reducir crispación electoral sen desentonar co noso calendario teórico.

                        E así estamos, buscando o menor dano posible dunha campaña electoral, procurando tranquilidade para traballar e que a política non repercuta negativamente nas nosas vidas.

                        Galeusca foi e é unha utopía porque o vínculo de unión entre os tres países é só a diferencia entre cada un deles e o conxunto. Quizais a elección da mesma data para votar por Euskadi e Galicia sexa o único elemento posible de concordancia; por acudir ao sentidiño para non crear máis crebadeiros de cabeza.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar