Un libro analiza os oitocentos anos de historia de San Domingos de Bonaval

O Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións sacan á luz Bonaval, de onte a hoxe. Da arquitectura á cidade, unha publicación escrita polos arquitectos Xerardo Estévez Fernández, Celestino García Braña e Adrián Alonso Lorenzo, e a historiadora e museóloga María Xosé Fernández Cerviño. Preséntase esta tarde, ás 19:30 horas, no Museo do Pobo Galego. No acto estarán, ademais dos autores, representantes do Consorcio de Santiago e o director de Teófilo Comunicación, José Luis Teófilo.

Constrúese o relato histórico de Bonaval inserto na súa contorna

Esta publicación ten como precedente o Plan Director do Conxunto de San Domingos de Bonaval, encargado polo Consorcio de Santiago. Tal como explican os autores, “aquel traballo levou aparellado un proceso de investigación e estudo exhaustivo do complexo construído, da súa realidade física e posibilidades de adaptación a novos requirimentos funcionais”. Foi, ademais, a ocasión para extraer toda unha serie de hipóteses documentadas na análise histórica que explican o seu proceso construtivo, e tamén o da cidade na que se asenta.

No libro afóndase en como os grandes acontecementos teolóxicos ou sociais, culturais e económicos se foron concretando na realidade pétrea que hoxe coñecemos. “Os edificios son testemuñas activas, por veces enganosas, das épocas en que xorden e se transforman. Os monumentos encerran tamén ideoloxías e paixóns irracionais” -salientan-.

Os autores indican que “a filosofía que manexamos consiste en desmontar imaxinariamente o artefacto arquitectónico, rastrexando a súa historia e as intervencións sucesivas, e descubrir a súa intelixencia construtiva e, ao mesmo tempo, os seus erros e patoloxías. Construímos o relato de Bonaval histórico inserto na súa contorna”.

Oitocentos anos de historia, arquitectura, cultura e arte

O catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago Alfredo Vigo Trasancos sinala no prólogo que “oitocentos anos de vida converteron o vello convento santiagués nun formidable palimpsesto arquitectónico en cuxas pedras se poden apreciar as pegadas de todos os tempos, desde o mesmos inicios a comezos do século XII, momento no que se instalaron alí os primeiros predicadores, ata o século XXI, no que o importante conxunto serve de sede ao Museo do Pobo Galego”. O catedrático pon de relevo que “nesta secuencia histórica hai todo un ciclo de gran fertilidade vital, cultural e artística; sendo escenario de múltiples usos e acontecementos que o encheron de vida e dunha actividade intensa e plena”.

Ao longo deste tempo Bonaval foi lugar de culto relixioso, residencia de dominicos, centro cemiterial de primeira orde, lugar de educación e, en consecuencia, un centro docente sacro e especializado, pois alí estiveron o Estudo Xeral Relixioso e a Escola de Xordomudos e Cegos. Ademais, serviu de hospedaría de peregrinos, de hospicio, de asilo, de hospital provisional e mesmo de cuartel nalgún momento da súa historia. E a todo isto engádese o o seu actual destino museístico, de Panteón de Galegos Ilustres e de centro cultural comprometido coa Historia de Galicia. “Poucos edificios hai no noso país que teñan resultado tan vitais, tan versátiles e de tanta utilidade como este de Bonaval, cuxa igrexa é ademais Monumento Nacional desde 1912” -manifesta o historiador-.

A documentación gráfica permite visualizar a evolución do conxunto

Os autores fan un percorrido pola historia e unha interpretación arquitectónica e urbanística do conxunto de San Domingos de Bonaval, ilustrado cunha serie de planos nos que se pode apreciar graficamente esta evolución histórica. Tamén se fai especial fincapé no papel que Bonaval xogou como elemento clave da cidade compostelá

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar