Deputación de Ourense e Grupo Cuevas exploran ao rural coa castaña como protagonista

Deputación de Ourense e Grupo Cuevas exploran novos modelos de apoio ao rural coa castaña como protagonista. Así o afirmaron o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar e o director xeral do Grupo Cuevas, Artur Yuste, quen destacaron que esta alianza de cooperación ten como obxectivo que a castaña adquira rango estratéxico para a economía e a identidade da provincia. A primeira iniciativa será a organización do “Foro da Castaña”, que se celebrará o 14 de febreiro, e que contará coa xornalista Ana Rosa Quintana, un evento no que desde diferentes perspectivas se porá en valor a importancia deste sector da agroindustria ourensá “para seguir a fomentar o uso do produto local máis recoñecido no mundo, con vistas a que poida converterse nunha das importantes marcas de identidade da provincia de Ourense”, expresou Baltar.

Esta experiencia público-privada ten como finalidade contribuír a fortalecer, promocionar e introducir a castaña nos usos diarios, propiciar a súa integración na actividade social e fomentar unha conciencia colectiva da castaña como ben común. Tamén se pretenden levar a cabo accións culturais e no comercio, así como en congresos e nas ofertas hoteleiras e gastronómicas.

Baltar agradeceu a Artur Yuste e ao Grupo Cuevas a súa implicación nesta aposta pola provincia, salientando que iniciativas como esta, que fomenten o uso da castaña, “atoparán na deputación unha atención sensible”, resaltando que esta experiencia podería trasladarse “a outros sectores ou produtos de alto valor estratéxico da provincia de Ourense”, e destacando como exemplo ao Grupo Cuevas, “a empresa que máis ten defendido e crido na castaña”.

Manuel Baltar convidou a sumarse a esta iniciativa a prol da competitividade da castaña “non so a empresas senón tamén ao ámbito educativo, ao turismo, ao sector agrario ao comercio e aos emprendedores. Imos estar ao carón de quen faga da castaña o seu proxecto de vida e un uso social, económico, cultural, agrícola ou gastronómico”.

Pola súa banda, Artur Yuste agradeceu ao presidente da Deputación “a súa disposición para que Ourense busque riqueza e futuro a través da castaña“, e dixo que esta alianza “servirá para intervir “en vertical” nas zonas rurais da provincia, e daranos a oportunidade de crear un espazo perfectamente visible e diferenciado na globalización: Ourense, mundo castaña”. “Temos un diamante protexido por ourizos –afirmou Yuste- e temos que erguelo do chan”.

Baltar e Yuste coincidiron en salientar o potencia produtivo da castaña en Ourense e as calidades que posúe para converterse en símbolo identitario da provincia, entre outras razóns, pola súa notable implantación: das case 40.000 hectáreas de castaños rexistradas en Galicia máis da metade están no rural ourensán, cun rendemento económico anual por hectárea que supera os 4.500 euros.

Ademais, a versatilidade deste produto permite un amplo abano de posibilidades industriais e comerciais, tanto no ámbito da gastronomía, a cosmética, a depuración de augas ou a fabricación de adhesivos, entre outras aplicacións.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar