Manuel Baltar: 8 anos de Presidencia da Deputación de Ourense caracterizados pola xestión económica

Excelencia na xestión económica, transparencia, e prioridade por impulsar as fortalezas da provincia de Ourense, son os elementos principais que caracterizan os oito anos de xestión de Manuel Baltar ao fronte da Presidencia da Deputación de Ourense, que se cumpren hoxe, 6 de febreiro de 2020.

Un balance, o deste período, no que destaca o termalismo, á proxección internacional do territorio, á cultura identitaria, a innovación na xestión e á promoción turística de Ourense. Aspectos especialmente salientables desta etapa da Presidencia de Manuel Baltar, na que sobresae o feito de ter acadado a “débeda cero” da institución e unha cifra histórica de investimento na cooperación cos concellos: 120 millóns de euros.

Ademais, a planificación ten sido unha pedra angular da súa xestión –cos plans Ourense 92, Ourense 15-19 e Ourense 7273-, e tamén coa instauración do Debate sobre o Estado da Provincia, salientando, asemade, a importancia que supón situar á Deputación de Ourense como líder nacional en transparencia, e destacando no ámbito das infraestruturas os accesos ao CHUOU, os canón de innivación en Manzaneda, o proxecto do Parque Acuático de Pereiro de Aguiar e o Centro Galego de Innovación na FP.

Precisamente, este infraestrutura educativa é o logro máis destacado do goberno de Manuel Baltar, impulsor desta iniciativa, porque será o centro de referencia da FP en Galicia -ubicado en Ourense-. Favorecerá o desenvolvemento industrial e a incorporación de novas tecnoloxías, dotando de capital humano altamente cualificado ao tecido produtivo galego, “contando co empresariado como eixo principal para desenvolver unha FP dual que abranga as necesidades sectoriais do ámbito empresarial, tendo en conta tamén á universidade para desenvolver conxuntamente proxectos de investigación», afirma Baltar, salientando que o centro será «un nodo de innovación, lanzadeiras de emprendemento e tecnoloxía: o gran centro de innovación na FP da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal».

O presidente da Deputación afirma que estes oito anos teñen significado “un traballo transversal nos ámbitos de actividade que máis importan á Ourense, pero cada un deles unido á idea fundamental de modernizar a provincia e incrementar a súa competitividade, innovando en sectores estratéxicos como: termalismo, turismo, cultura, deporte, internacionalización e potenciación da “marca Ourense”, defende Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial afirma que a base de todo iso está nas ideas e na realidade que permite levalas a cabo: os orzamentos. E neste sentido, destaca que a Deputación de Ourense foi a primeira administración pública de España en aprobar os seus presupostos –no mes de setembro- “o que permite a máxima previsibilidade e planificación, para comezar cada ano, a partires do 1 de xaneiro, a desenvolver o noso traballo económico. Iso danos un plus de practicidade e efectividade que permite axilizar os trámites na xestión, algo que agradecen moito os concellos”, explica Baltar.

Proxecto “Provincia Intelixente”

O proxecto “Provincia Intelixente”, impulsado por Manuel Baltar nos seus diferentes ámbitos, ten permitido distinguir á provincia de Ourense como referente na innovación en turismo e emprego tecnolóxico. Un exemplo é o “Centro de Intelixencia Artificial” de Ourense, en Finca Sevilla, unha infraestrutura que, entre Deputación, Concello de Ourense e Abanca, converterá a esta contorna nun polo de innovación, ao carón do que será o futuro Centro Galego de Innovación na FP e a poucos quilómetros da Tecópole.

Este centro de emprego tecnolóxico xa deu o seu primeiro paso coa instalación da empresa Viewnext, do grupo IBM, que centraliza nestas instalacións os máis de 200 empregos tecnolóxicos cos que conta na provincia. Baltar considera que este polo innovación “fará deste espazo unha infraestrutura de futuro e innovación onde Concello e Deputación podemos poñer en valor Ourense cidade e Ourense provincia”.

E xunto á innovación, unha das singularidades que ten caracterizado estes oito anos de goberno de Manuel Baltar é o termalismo. A posta en marcha, entre Deputación e Xunta de Galicia, do plan “Ourense, a provincia termal” “significou un pulo fundamental para desenvolver novas infraestruturas, servizos e promoción termal na nosa provincia”, afirma Baltar. Neste sentido o termalismo ligado ao deporte é unhas das importantes novidades incorporadas, coa posta en marcha do CERLAC, o centro de adestramento de remo e piragüismo de Laias, Arnoia e Castrelo de Miño, coa presenza de seleccións nacionais de diferentes países que veñen a Ourense a preparar campionatos do mundo e olimpíadas. Precisamente, estes días están realizando os seus períodos de adestramento as seleccións de Alemaña, Bielorrusia e a británica paralímpica, e mañá incorpórase a de Ucraína.

Ademais, cabe salientar neste ámbito de difusión da provincia o feito de “reactivar desde a Deputación de Ourense a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco, ou mesmo a alianza con La Vuelta a España, que nos últimos anos ten situado á provincia de Ourense como protagonista, co que iso supón de difusión do noso territorio no mundo”, expresa o presidente.

A isto únese a visibilidade que ten acadado a provincia no ámbito internacional coa Presidencia por parte de Manuel Baltar da Asociación europea de gobernos provinciais (Partenalia); a Presidencia da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA) e a Vicepresidencia da Confederación Europea de Poderes Locais Intermedios (CEPLI), unido á representación institucional do presidente na Xunta de Goberno da FEMP –desde 2015-,  á Vicepresidencia que ostenta na Federación Nacional de Municipios con Embalses e Centrais Hidroeléctricas, e no Comité de Dirección da Fundación Democracia e Goberno Local.

Cultura e identidade

Unha promoción nacional e internacional que, no ámbito da cultura, tivo dous eventos que marcaron un antes e un despois: a exposición In tempore sueborum –a de máis éxito na historia de Ourense- e o que supuxo de pulo identitario para a provincia o feito de poder exhibir no edificio do Pazo Provincial o cadro de Castelao A derradeira leición do mestre, obra icónica do galeguismo.

Unha prioridade por distinguir a nosa razón de sermos ourensáns e galegos, que nesta etapa de mandato tamén se referendou coa institucionalización da obra de Manuel de Dios Ourense no solpor como Himno Oficial da Provincia de Ourense, e cos Premios “Ourensanía”, un galardón que concede a Deputación de Ourense e que distingue cada ano a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais.

Un ámbito cultural e de vangarda que neste anos de Presidencia de Baltar ten dado un pulo importante coa posta en marcha da “Ourense ICC Week”, a semana das industrias culturais e creativas, e co Ourense Film Festival (OUFF), certame do cal a Deputación asumiu a súa organización, acadando os mellores resultados de crítica, público e calidade dos traballos audiovisuais presentados.

“En definitiva –valora Manuel Baltar-: xestión, innovación e impulso das mellores cualidades que ten a provincia de Ourense. Esa é a folla de ruta que nos marcamos e pola que traballamos para seguir engrandecendo o noso territorio ourensán”.

O futuro, xa presente, pasa agora pola histórica infraestrutura que será o tren de alta velocidade, “que converterá a Ourense nun “aeroporto terrestre”, di Baltar, a apenas 2 horas de Madrid. “Un avance que será a noticia máis importante deste século e para o que temos que seguir preparándonos con novos servizos, infraestruturas e iniciativas de cooperación nos ámbitos público e privado, en sectores que nos distinguen como: termalismo, turismo, cultura, téxtil ou agroalimentario, entre outros”, expresa Baltar. “Unha paixón por Ourense que nos fortalece e nos engrandece como pobo e territorio”, conclúe.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar